Desconvocada a folga en Atención Primaria prevista para os días 9, 10 e 11
As organizacións sindicais convocantes da folga prevista para a Atención Primaria os días 9, 10 e 11 de abril acordaron desconvocala, xunto coas mobilizacións, logo de que se chegara a un acordo na reunión mantida este mesmo luns co SERGAS. Para a CIG-Saúde, con este acordo “o SERGAS recoñece, por fin, a necesidade de crear un marco de negociación para dar solución á problemática de Atención Primaria”.
O acordo contempla:
- A apertura na mesa sectorial de sanidade dun diálogo sobre atención primaria cara a negociación de todas as reivindicación de contido laboral incluídas na convocatoria de folga presentada, significativamente a dotación de prazas.
- En relación coas cuestións de carácter asistencial ou organizativas incluídas nas citadas reivindicacións, as mesmas serán canalizadas a través do Consello Técnico de Atención Primaria, órgano colexiado no que estarán representadas, entre outros colectivos, as sociedades científicas, asociación profesionais e sindicatos.
O dito órgano será creado por orde da Consellaría de Sanidade, cuxo borrador foi entregado ás distintas organizacións sindicais convocantes para a formulación de alegacións e xa lle foron incluídas algunhas modificacións.
- Compromiso das partes de acadar unha solución inmediata ao conflito existente no ámbito dos Puntos de Atención Continuada.
- Compromiso de mellora do modelo de nomeamento estatutario eventual de continuidade acordado na Mesa Sectorial.
- As medidas previstas neste acordo irán acompañadas dun incremento orzamentario do programa de gasto de atención primaria á saúde, en función das dispoñibilidades orzamentarias.
- Durante o mes de abril será convocada a Mesa Sectorial para a análise dos aspectos referidos, así como para a análise das alegacións ao borrador da orde de creación do Consello Técnico de Atención Primaria, que se constituirá na primeira quincena de maio co obxecto de aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.
Tal e como se acordou ao remate da xuntanza, esa primeira mesa sectorial, será convocada para o día 26 de abril.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín valora que este acordo pon de manifesto o recoñecemento por parte da consellaría de Sanidade da necesidade de crear este órgano de participación para analizar e pór solución ás necesidades da Atención Primaria. “Agardamos que haxa boa fe por parte da consellaría de Sanidade e que as conclusións deste Consello Técnico sexa cumpridas na súa totalidade e co correspondente orzamento para darlles cumprimento”.
Máis unha vez, a CIG-Saúde lamenta que sexa necesario recorrer a medidas de presión como a convocatoria dunha folga para que o SERGAS acepte crear un marco de negociación para solucionar os problema de Atención Primaria.
En todo caso a CIG-Saúde advirte que se esa “boa fe” non se traduce en feitos “retomaremos as medidas de presión sen descartar ningunha”.