Desconvocada a folga nunha subcontrata de Abanca en Vigo tras aceptar a empresa o mantemento das condicións laborais
A representación sindical de Prosegur Avos Tech decidiu desconvocar a pasada medianoite as tres xornadas de folga cuxo inicio estaba previsto para hoxe co obxectivo de rexeitar a precarización das condicións laborais por parte de Unísono, nova adxudicataria do servizo de xestión de tarxetas, seguros e sistemas antifraude de Abanca en Vigo. O persoal ía aproveitar tamén para desenvolver concentracións diante da sede principal da entidade financeira e da propia Unísono en Vigo, mobilizacións que tampouco se levarán a cabo unha vez que a empresa aceptou as reivindicacións da parte social.
En concreto, a nova adxudicataria do servizo que até o de agora xestionaba Prosegur Avos Tech (antiga Prosegur BPO) recoñecerá a categoría de xestor ao persoal ao que se lle aplica o convenio de contacto center e respectará e aplicaralle o convenio de oficinas e despachos ao persoal que traballa na oficina de Prosegur Avos Tech. “En definitiva, van aplicar o acordo que se pactou no AGA da Coruña e que en Vigo nin Prosegur nin Unísono querían asumir”. Ademais, a empresa manterá tamén os acordos laborais particulares pactados con cada traballador/a.
Diante diante, a representación sindical optou por desconvocar as folgas de 24 horas previstas para hoxe, para o xoves 16 e para o luns 20 de novembro, xornadas nas que os traballadores/as tiñan pensado desenvolver tamén mobilizacións diante da sedes de Abanca e de Unísono en Vigo.