Desconvocada a folga nos comedores de Inditex de Narón ao chegar a acordo con Sodexo
No día de onte, o persoal que atende os comedores que a multinacional Inditex posúe nas súas instalacións no Polígono do Río do Pozo en Narón acordaron desconvocar as xornada de folga previstas para esta semana, ao acceder a empresa que xestiona o servizo, Sodexo, ás súas demandas.
O acordo acadado, explica Francisco Cartelle, secretario da CIG-Servizos de Ferrol, supón o aumento e a consolidación por parte do persoal de oito horas de xornada semanais, así como a continuidade do número de traballadores e traballadoras do actual cadro de persoal, tal e como se reivindicaba.
O acordo supón, pois, a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para hoxe, martes 13, o mércores 14 e o xoves 15 de decembro, e que afectaban á totalidade dos traballadores e das traballadoras do centro durante toda a xornada laboral, das 6:00 ás 18:00 horas.
Despois do seguimento total rexistrado nas xornadas de paros parciais dos días 23 e 30 de novembro, a representación sindical valora como un éxito ter acadado o que se reclamaba, mais advirte que estará vixilante para que se cumpra o acordo. Neste senso, reiteran a necesidade de que o cadro de persoal manteña o número actual de persoas "xa que todas son precisas para garantir que o servizo se poida prestar en condicións que non supoñan un sobreesforzo continuo e un desgaste da nosa saúde".