Desconvocada a folga nos comedores de Inditex ao lograrse un preacordo con importantes melloras salariais e laborais
Logo dunha maratoniana reunión, a representación social e Sodexo chegaban a un preacordo para a mellora das condicións laborais e salariais do persoal dos catro comedores de Inditex. O texto foi ratificado polas asembleas de traballadores e traballadoras, que tamén acordaron desconvocar as dúas xornadas de folga previstas para mañá xoves 13 e o venres día 14.
O importante desta negociación, subliña Roberto Pérez, da CIG-Servizos da Coruña, é que por primeira vez se incorporan os catro comedores (a sede central de Inditex, o almacén de Zara Loxística -que xa tiña pacto propio-, o almacén da Lachara e as instalacións de Narón que dan servizo a Pull&Bear e Indipunt) a un acordo propio por enriba do marcado no convenio sectorial.
No relativo á parte económica, establécese unha suba salarial superior ao 10%, en todos os casos, en conceptos por enriba de convenio e non absorbíbeis nin compensábeis con outros complementos. Aínda que o pacto é a tres anos, a suba salarial efectivizarase xa nos dous primeiros anos.
Así mesmo, conseguiuse unha redución da xornada máxima anual sobre a que marca o convenio colectivo, melloras nas vacacións, melloras na porcentaxe que se percibe pola nocturnidade, melloras nas licencias retribuídas, incluíndo máis días de asuntos propios, melloras en determinados horarios e a eliminación da xornada partida.
Xunto a isto, con este acordo lógrase o inicio da recuperación da antigüidade que fora suprimida, ao establecerse unha prima de vinculación de 50€/mes para aquelas persoas que leven máis de 15 anos na empresa. De igual xeito, abórdase o grave problema da parcialidade, que se dá con especial intensidade no comedor da sede central, e regularase, de acordo co comité, a realización de horas complementarias para ir incrementando a xornada dos contratos a tempo parcial.
A CIG valora positivamente este preacordo por canto significa avanzar na dignificación das condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores das contratas de Inditex. Neste senso, Pérez entende que a presión xerada polo apoio masivo á folga e a certeza de que por primeira vez non se ían servir comidas nas instalacións de Inditex, foi o que fixo posíbel que se chegara a este acordo.