Desconvocada a folga no servizo de recollida de lixo de Santiago ao se chegar a un acordo
A folga indefinida convocada en Urbaser, concesionaria do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e punto limpo de Santiago non chegará a facerse efectiva. A empresa chegou a un acordo co seu persoal, na tarde do pasado venres, no que se atende a practicamente todas as súas demandas. O persoal valora positivamente o acordo, pero lamenta que fora necesario mobilizarse durante meses e chegar a convocar o paro para que Urbaser sentara a negociar e se resolvera o conflito.
Neste sentido, o presidente do comité de empresa, Ricardo Méndez, cualifica os acordos como “bastante satisfactorios”. Matiza que “non é todo o que pediamos pero nas negociacións teñen que ceder ambas as partes” e considera que “en liñas xerais é bastante bo”.
Méndez explica que dá a posibilidade de que “en sábados, domingos e festivos, tanto na noite como no día, o persoal poida escoller facelos ou non, cando a idea da empresa era a de quitalos”. Lembra, a este respecto, que “había traballadores e traballadoras que non querían facelo e outros/as que si” e entende que “tampouco é cuestión de obrigar á xente que non quería a facelo”. Por iso considera un avance que se contemple que o persoal teña a opción de “poder escoller se queres traballalos ou non”.
Tamén valora positivamente que os vestiarios teñan xa unha data de mellora, porque “estaban en condicións moi lamentábeis” e que no resto dos puntos, en xeral, se conseguira o demandado.
Presións á empresa
O presidente do comité cre que a empresa “supoño que se vería presionada para facelo”. Lembra que se mantivo unha xuntanza co concello que “resultou positiva e non sei se iso serviu para presionar á empresa, imaxinamos que si polas datas que son: festas, eleccións...”, e entende que “iso todo axudaría un pouquiño”.
Con todo conclúe que “é lamentábel ter que chegar a unha convocatoria de folga” na que o que se demandaban eran cuestións de carácter social e de organización no traballo e “non falamos de temas económicos en ningún momento”. Afirma que “é triste ter que convocar unha folga, co que iso supón para nós para a propia empresa, para o concello e para a cidadanía, sobre todo para a cidadanía, veciñas e veciños de Compostela e visitantes que poidan sufrir esas consecuencias”.
Malia todo, manifesta a súa “cautela” respecto do cumprimento de todos os puntos ou de que “se poidan repetir estas circunstancias transcorrido un tempo”.
Acordos adoptados
Respecto dos vestiarios, o da nave xa está despexado e habilitado como único uso de vestiario. Respecto do da rúa García Prieto, a empresa comprometeuse a telo listo a longo do mes de xullo e o da rúa Arzúa ao longo de outubro. Unha vez estean estes habilitados, a empresa comprometeuse a buscar alternativas para o de Pitelos, tanto canto á mellora da súa habitabilidade só como vestiario, como no relativo a buscar aparcamentos para carros ou buscar outro local e axeitalo, considerando esta como a máis probable.
Canto ás quendas de noite dos días 24 e 31 en Selursa, acordouse que se aboarán a cada traballador/a 75 euros por noite.
Recollida selectiva no casco monumental (illas de quita e pon):
A empresa ofreceu a convocatoria de tres prazas con traballadores/as do actual cadro de persoal, a partir de xaneiro de 2024, acordando como requisitos que terá a “función profesional peón”; terá que ter habilitación +E e que se respectarán os horarios marcados, de 17:00 a 20:00 e de 00:00 a 3:30. Ademais, caso de non se cubrir as vacantes Urbaser contemplará alternativas para garantir o servizo.
Servizos en festivos, sábados noite e domingos día
Ofrécese a posibilidade de que todas as persoas traballadoras interesadas en prestar ese servizo, (festivos simples e sábados noite ou festivos simples e domingos día), se apunten. Ademais crearase un calendario semestral, con posibilidade de que sexa anual, coas persoas interesadas para garantir unha cadencia de cada 5/6 festivos simples ou sábados/domingos ter servizo. Este compromiso será, ademais, dun año mínimo.
Bolsa de traballo
Manterase o sistema de contratación vixente durante os últimos anos e para a contratación de vacantes indefinidas terase en conta a data de entrada na empresa.
Uso de máquinas varredoras e lava beirarrúas
Establecerase un grupo de 5 peóns en cada horario que aplique seguindo a orde de antigüidade entre as persoas traballadoras anotadas.