Desconvocada a folga na limpeza de contedores da Coruña ao acadarse un preacordo coa empresa
A asemblea de traballadores e traballadoras de limpeza, mantemento e reposición de contedores da Coruña acordou desconvocar a folga prevista para os días 8 e 12 de febreiro, tras lograrse un preacordo coa UTE Atlántica, polo que a empresa asume un compromiso de mantemento do emprego e volver á estrutura das nóminas que tiña o persoal do servizo antes da subrogación á nova contrata.
Deste xeito, UTE Atlántica comprométese a non realizar ningún despedimento por causas organizativas, produtivas, técnicas ou económicas, nin de carácter individual nin colectivo, durante o tempo que dure a contrata. Así mesmo, a empresa comprométese a adecuar á nómina ao salario base que tiñan os traballadores e traballadoras antes da subrogación, a facer efectiva xa na nómina de febreiro.
Xunto a isto, acordouse iniciar ao longo do primeiro trimestre deste ano a negociación do convenio colectivo, tal e como se acordara coa representación do persoal en febreiro do pasado ano.