Desconvocada a folga no SAF de Arteixo ao acadarse un acordo coa empresa
A folga indefinida que estaba convocada para este luns, 28 de outubro, no SAF de Arteixo ficou desconvocada despois de alcanzarse un acordo coa empresa concesionaria, Os Ventos, que dá resposta ás principais demandas das traballadoras.
Así, conseguiuse o compromiso de que a partir da nómina de decembro se recoñeza como un dereito adquirido o pago do salario antes de final de mes e, como tal dereito, deberá respectarse nas futuras subrogacións. Dende a entrada de Os Ventos, o persoal cobra sempre ao límite do que estabelece o convenio colectivo, xerándolle un grave prexuízo as traballadoras "que teñen que afrontar os pagos domiciliarios dos gastos básicos (alugueiros, facturas etc.), a bancos e empresas e entidades que non entenden de atrasos".
Tamén se logrou que a partir da nómina de decembro se comece a pagar a quilometraxe a 0,24 €/km, como se xa se está facendo noutros servizos de axuda no fogar, e que se respectarán os dereitos laborais no relativo á elaboración dos cuadrantes, contratos e descansos.
No acordo recóllese o compromiso da empresa de que no mes de novembro poñerá e revisará todas as axudas técnicas recollidas no prego de condicións, tales como camas móbiles ou guindastres para mover as persoas usuarias, que até agora non se estaban cumprindo. Outra das reivindicacións acadadas, en materia de prevención de riscos, é que se procederá a facer unha avaliación por persoa usuaria.
As delegadas da CIG subliñan que este acordo se conseguiu grazas á unidade e á determinación das traballadoras para mobilizarse e convocar folga. Neste senso, advirten que están vixilantes para que a empresa cumpra os acordos asinados e seguirán loitando pola mellorar das condicións laborais e dos dereitos das traballadoras.