Desconvocada a folga no mantemento das zonas verdes de Vigo tras o acordo en materia laboral e salarial
O cadro de persoal do servizo de mantemento das zonas verdes do Concello de Vigo decidiu hoxe en asemblea desconvocar a folga indefinida cuxo inicio estaba previsto para este luns unha vez que a concesionaria comprometeuse a cumprir o convenio colectivo e a renunciar ao cambio unilateral de horarios. Ademais, completará as xornadas dos traballadores/as a tempo parcial unha vez ordene os servizos, cuestión que non figura no convenio pero si no contrato co Concello.
A dirección da UTE Zonas Verdes de Vigo -integrada por Acciona Medio Ambiente e Mantén- e o comité de empresa (7 delegados/as da CIG e 2 da UGT) pactaron o preacordo na xuntanza celebrada este xoves a petición da compañía, pero non foi até hoxe cando o cadro de persoal lle deu o visto bo por unanimidade en asemblea.
O incumprimento do actual convenio colectivo foi un dos principais motivos que levaron á convocatoria dun paro indefinido que debera comezar ás 00:00 horas deste luns día 19, máis tamén a modificación unilateral de horarios, que a empresa xustificaba pola covid e que a parte sindical o entendía como unha modificación substancial das condicións de traballo.
Na xuntanza de onte abordouse a falta de pago do plus tóxico de 20 euros, que a empresa comprometeuse a aboar na nómina deste mes con carácter retroactivo dende febreiro. En canto ao impago do plus de conservación de 107 euros, a concesionaria entendía que estando de IT non se debera aboar, “quedándolle claro na reunión que si ten que facelo, demostrando a parte social con nóminas da anterior empresa Althenia que si se abonaba”.
No referente á mala xestión co abono da paga extra de marzo, a UTE subsanou o problema pagando todo o adebedado, “aínda que non cumprindo o convenio no capítulo de subrogación empresarial, que obriga a que as empresas se liquiden entre elas, para non mermar as nóminas do persoal”.
Cambio de horarios
Segundo a concesionaria, o cambio unilateral de horarios fíxose para protexer o cadro de persoal no contexto da pandemia, “algo que é falso dado que os horarios que había -tres quendas con 15 minutos de separación- cumpría o protocolo, e xa estaban negociados coa anterior empresa dende setembro de 2020”. A representación social incidiu en que esta modificación obedecía só á pretensión da empresa de cambiar os horario pola luz solar e non para protexer o persoal.
“Despois dun amplo debate a UTE ofreceu continuar cos horarios anteriores, os que estaban con Althenia, e propuxo que se no caso de que no mes de outubro seguira a problemática da covid sentaría co comité para negociar outro horario que se acomodara ás necesidades sanitarias dese momento”. Unha vez pechado o preacordo, o comité convocou unha asemblea no día de hoxe para trasladarlle o seu contido aos traballadores/as, que decidiron aceptalo por unanimidade e desconvocar a folga.
Finalmente, dende a CIG-Servizos lamentan que se tivese que chegar a unha convocatoria de folga para lograr que a empresa cumprise o convenio, “pero afortunadamente todo o persoal estaba disposto a loitar polas súas condicións laborais e polos seus horarios, dado que tamén afectaban á súa conciliación da vida laboral e familiar”. Neste senso, lembran que o persoal do servizo de mantemento das zonas verdes viguesas convocou varias folgas nos últimos anos para defender os seus postos de traballo e o seu convenio colectivo, “e sempre cun éxito total dada a unión de todos/as”.