Desconvocada a folga no guindastre vigués tras acceder a empresa a reducir a xornada nas fins de semana
O cadro de persoal de Setex Aparki, concesionaria do servizo de guindastre do Concello de Vigo, decidiu o venres por unanimidade desconvocar a folga indefinida prevista para este luns despois de que a empresa accedese a reducir a xornada laboral nas fins de semana. Esta era a principal reivindicación dos traballadores/as durante a negociación do convenio colectivo, polo que apostaron por asinar o preacordo ao que chegaron as partes na mediación.
Os 34 traballadores/as que integran o cadro de persoal de Setex Aparki, a empresa que xestiona o servizo municipal de grúa decidiron ratificar o pactado entre a representación sindical e a dirección da compañía unha vez que lograron introducir no convenio unha rebaixa no tempo de traballo durante as fins de semana. En virtude deste acordo a xornada total redúcese en 50 horas anuais, establecéndose unha rebaixa progresiva durante as fins de semana: o primeiro ano do convenio (2018) a redución será dunha xornada laboral e media; no segundo ano (2019) pasará a ser de catro xornadas e media; e no último (2020) será xa de cinco xornadas.
Ao mesmo tempo, fíxase unha subida de soldos do 1% o primeiro ano, do 1,25% no segundo e do 1,50% o terceiro, aínda que o incremento salarial é aínda maior se temos en conta que tamén se actualiza a contía dos pluses. Así, o de cambio de quenda aumenta en cinco euros ao mes; o de nocturnidade pasa de 14 a 15 euros este ano, a 16 o seguinte e a 17 o último; o de festivos pasa de 45 a 50 euros este ano e a 60 en 2019 e 2020; por último, o de absentismo pasa de 80 a 90 euros.
Dende a representación do cadro de persoal (tres delegados da CIG) valoran moi positivamente o acordo por canto permite reducir a xornada laboral dos traballadores/as durante a fin de semana. Tal e como sinalaron cando se decidiu a convocatoria de folga que finalmente non se chegou a facer efectiva, o desacordo coa empresa non viña pola cuestión salarial senón que se produciu pola negativa da dirección a reducir a xornada durante as fins de semana. Pero os empregados/as insistían en que "máis que cartos o que precisamos é descanso".