Desconvocada a folga nas ambulancias de Pontevedra tras asinar a empresa un documento asumindo as reivindicacións
A primeira xornada de folga prevista para hoxe en Ambulancias Civera, concesionaria do servizo de transporte sanitario programado e de traslados intrahospitalarios das áreas de Pontevedra-O Salnés, non chegou a efectivizarse despois de que a empresa asinase un documento no que asume as reivindicacións do cadro de persoal. Deste xeito, a compañía valenciana acondicionará a base, rematará coa problemas en seguridade e saúde laboral e fará indefinido/as os traballadores/as temporais unha vez rematen os seus actuais contratos.
Segundo explica o responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, as catro xornadas de folga convocadas para hoxe, o xoves día 7 e os vindeiros 19 e 21 de abril foron finalmente suspendidas unha vez que a empresa asumiu as principais demandas do persoal. O documento ratificado recolle as datas de inicio e remate das obras de acondicionamento e mellora da base de ambulancias e a dotación de roupa e material de traballo homologados, ademais de establecer a solución dos distintos incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral.
Ao mesmo tempo, o acordo contempla que todo o persoal contratado baixo algunha modalidade de contratación temporal pasará a ser indefinido unha vez remate a súa relación contractual. Ademais, as partes danse de prazo até final de mes para organizar os cuadrantes de traballo de xeito que se garantan os descansos e o dereito de conciliación da vida laboral e familiar.
O comité de empresa de Ambulancias Civera (5 delegados/as da CIG) optara por convocar folga ante os graves incumprimentos da compañía no que ten que ver prego do concurso e coas condicións laborais, folga que pasaría a ser indefinida a partir do 1 de maio no caso de que a dirección continuase sen atender as súas demandas e o Sergas non interviñese para solucionar o conflito, “xa que este organismo público é o encargado de velar polo cumprimento dos contratos e do servizo que presta aos cidadáns”.