Desconvocada a folga na recollida do lixo de Ponteareas tras acadar melloras salariais e laborais
A representación sindical, a empresa FCC e o Concello de Ponteareas asinaron o pasado luns un preacordo que permitiu desconvocar a folga indefinida anunciada polo cadro de persoal para reclamar un convenio colectivo digno nos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria e punto limpo. As partes pactaron unha suba salarial do 12% en catro anos, o establecemento dun complemento de antigüidade e a creación dunha cuarta paga extraordinaria.
Segundo explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos, o convenio, que terá unha vixencia de catro anos, fixa unha subida de soldos do 2,5% en 2023, do 3% en 2024, do 3% en 2025 e do 3,5% en 2026. Ademais, establécese un complemento de antigüidade en base a trienios do 4% sobre o salario base en 12 mensualidades. O primeiro trienio comezará a devindicarse o 1 de xaneiro de 2023. A partir do 1 de xaneiro de 2024 a diferenza entre o salario base dun peón e dun condutor/a será de 75 euros, incrementándose nos anos seguintes na mesma contía que a suba salarial pactada para o convenio.
Así mesmo, pactouse unha cuarta paga para o último ano de vixencia do 25% do salario base, así como o incremento do plus de festivo até 100 euros, coa seguinte progresión: 80 euros en 2024, 90 euros en 2025 e 100 euros en 2026. E marcouse que a xornada de traballo anual será de 239 días efectivos, cunha xornada diaria de 7 horas, sendo o cómputo anual total de 1673,33 horas. A partir de 2026 a xornada anual será de 223 días, incrementándose a xornada diaria a 7,5 horas, cun máximo 1673,33 horas ao ano.
Finalmente, dende a representación da CIG en FCC agradecen o compromiso e a mediación do Concello, que permitiu desbloquear o conflito laboral e acadar un acordo satisfactorio para os traballadores/as.