Desconvocada a folga na piscina municipal de Arteixo ao lograrse un acordo
A folga indefinida que estaba prevista que se iniciase este mércores na piscina municipal de Arteixo ficou finalmente desconvocada ao lograrse un acordo entre a parte social e a empresa BeOne para a reincorporación de dous dos traballadores despedidos e ao chegarse a un entendemento co outro traballador despedido. Deste xeito, tanto a folga como a manifestación convocada para a tarde de mañá xoves quedan desconvocadas.
Ademais, no acordo asinado establécese un calendario de reunións para arranxar todos os problemas laborais que se están a rexistrar nas instalacións dende a chegada da nova empresa.
Dende o colectivo de traballadores e traballadoras queren agradecer grandemente aos usuarios e ás usuarias da piscina o apoio e a solidariedade trasladados estes días coa súa loita.