Desconvocada a folga na limpeza das dependencias municipais de Vigo tras pactar unha suba salarial do 19,5% en catro anos
As traballadoras/es de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, decidiron hoxe desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado día 18 de abril tras o acordo de convenio pactado coa empresa Urbaser, que foi aprobado en asemblea pola maioría do persoal.
Dende a federación de Servizos da CIG explican que as principais reivindicacións pasaban por establecer unha xornada laboral de 35 horas á semana, contar cunha cuarta paga extraordinaria, seguir mantendo a antigüidade en trienios ao 5% do salario base e un incremento económico digno.
Pois ben, o acordado coa empresa contempla un convenio con vixencia até o 31 decembro 2024 (leva caducado dende 2021) con incrementos salariais totais do 19,5%, repartidos na redución de xornada a 35 horas á semana e de media hora de redución por cada ano de vixencia (desta redución saen beneficiadas todas/os as traballadoras/es que teñen contratos a tempo parcial, polo que terán máis subida salarial).
Tamén se inclúe unha cuarta paga completa con antigüidade; os dous días de libre disposición actuais pasarán a oito; se o IPC de 2024 supera o 1,5% a revisión salarial terá carácter retroactivo; o comezo das licenzas será en días laborábeis; e manteranse outros aspectos de contido social xa pactados anteriormente, como son o plan de igualdade, lactación etc.
Solidariedade e valentía
Na CIG-Servizos lembran que dende o primeiro día de folga as traballadoras/es atopáronse cuns servizos mínimos abusivos ditados polo Concello de Vigo e que a empresa non negociou en ningún momento, ademais de incluír neles a parte do comité de folga, vulnerando os seus dereitos fundamentais. Ao mesmo tempo, o Goberno local fixo que FCC, concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias, limpara a lonxa da casa do Concello, “cometendo tamén varias ilegalidades que foron denunciadas ante a Inspección de Traballo”.
“Durante 10 días o persoal aguantou as presións, non só da empresa senón tamén do propio Concello, sen decaer en ningún momento, conseguindo forzar varias xuntanzas coa empresa que remataron co acordo aprobado hoxe”, salientan. Finalmente, fan fincapé na determinación amosada polo conxunto do persoal durante a folga e valoran a a súa solidariedade e valentía. “As traballadoras/es da limpeza das dependencias municipais viguesas demostraron que a loita é o único camiño para conquistar melloras económicas e sociais”, rematan.