Desconvocada a folga na Inspección de Traballo tras chegar a un acordo co organismo estatal

A representación da CIG advirte que o conflito non rematou mentres non se cumpra coa totalidade do pacto asinado en xullo
Nacional - 30 Mar 2022

As organizacións sindicais decidiron suspender a folga que estaba convocada na Inspección de Traballo e Seguridade Social para este mércores 30 de marzo, despois chegar a un acordo coa dirección xeral do organismo. Porén, a representación da CIG salienta que esta desconvocatoria non supón en ningún caso "a nosa renuncia para conseguir o obxectivo de que Facenda deixe de poñer trabas e aprobe, na súa totalidade, o acordo asinado o 7 de xullo".

Deste xeito, a parte social puxo como prazo até o 30 de xuño para que o ministerio cumpra cos puntos acadados no día de onte ou do contrario retomarán as mobilizacións. Neste senso, o representante da CIG, José Juan Fernández, sinala que o problema segue estando en Facenda, que se nega a darlle o visto bo ao acordo acadado en xullo do ano pasado.

Incremento inmediato do emprego

Sobre a proposta trasladada no día de onte por Traballo, indicou que, no relativo ao incremento do emprego, conseguiuse que de maneira inmediata se inicie o proceso para contratar 200 interinos/as sobre vacante, con cargo á oferta de emprego público do ano 2001. "Isto significa emprego estrutural xa que este persoal prestará servizos até a resolución da devantida OPE", explica.

Ademais, grazas ás achegadas da CIG, vanse reforzar tamén de xeito inmediato os cadros de persoal técnico e administrativo nas ITSS de Galiza. A central nacionalista reclamou tamén que o incremento do número de prazas da inspección activa a convocar na OPE do ano 2022 non se perda no caso de que non todas as prazas se cubran, "é dicir que se sigan incluíndo en posteriores ofertas até alcanzar o número comprometido".

Fernández valora que o pacto atinxido supón "dar un primeiro paso" no camiño de solucionar os problemas estruturais do organismo, "reforzando o persoal de estrutura en máis dun 20% e o de inspección activa, ao dobrar nalgún caso o seu número de prazas nas ofertas de emprego". Algo que, matiza, "estaba recollido no acordo de xullo".

O obxectivo, que se cumpra o acordo de xullo

Pero, avanza que, "lonxe de conformarnos, dende a CIG seguimos e seguiremos na pelexa por conseguir que se cumpra e se aplique, máis pronto que tarde, o acordo de xullo. Seguiremos esixindo o apoio político comprometido e manteremos viva a presión a todos os niveis e en todos os escenarios posíbeis".

Neste senso, reitera que non se renuncia a ningunha medida de presión "até acadar o noso obxectivo que é o cumprimento do acordo asinado do 7 de xullo de 2021".