Desconvocada a folga indefinida no elevador panorámico da Coruña
Este luns chegábase ao acordo de desconvocar a folga indefinida no servizo do elevador panorámico do Monte de San Pedro, na Coruña, tras a empresa que xestiona o servizo, TalentOrbis, presentar solucionados -ou en vías de solución- os problemas de seguridade denunciados polos traballadores.
A CIG lembra que a folga en Talent Orbis Maquinaria e Industria foi convocada pola actitude represiva contra os tres traballadores encargados do mantemento e contra as sancións impostas despois de denunciar na Inspección de Traballo e no concello da Coruña a falta de medidas de seguridade e os riscos aos que están sometidos.
A folga estaba suspendida desde o día 6 de agosto, data na que se celebrou unha xuntanza na que a empresa retirou as sancións e se comprometeu a presentar unha proposta para solucionar os problemas de seguridade, este luns, evitando así os riscos aos que está sometido o persoal.
Ernesto López Rei, responsable de Saúde Laboral de CIG-Coruña explica que, tal e como se comprometera, a empresa instalou o mecanismo de bloqueo con candeado; entregou un plan de evacuación que xa está tratado co servizo de bombeiros para solicitar un simulacro; presentou un Plan de Emerxencia que está en revisión; presentou, revisado, o protocolo de funcionamento, entre outras cuestión.
Ademais, o concello da Coruña comprometeuse a facer, de forma inmediata, a caseta-almacén que demandaba o persoal.