Desconvocada a folga no almacén de Froiz en Poio ao lograr melloras nos descansos semanais

A asemblea de traballadores/as ratificou o preacordo entre o comité de empresa e a dirección
Pontevedra - 14 Feb 2019

Os traballadores/as do almacén de Froiz en Lourido, no concello pontevedrés de Poio, aceptaron o preacordo entre empresa e comité e optaron por desconvocar a folga indefinida prevista para hoxe. O pacto contempla melloras nos descansos semanais para todo o cadro de persoal, incluídos os condutores/as.

A asemblea de traballadores/as de Distribuciones Froiz, celebrada este xoves 14 ás sete da mañá diante das instalacións da empresa, decidiu ratificar o preacordo ao que chegaron o comité, con maioría absoluta da CIG, e a dirección durante as negociacións que tiveron lugar no día de onte.

O acordo, que permite desconvocar a folga indefinida que ía iniciarse hoxe mesmo, contempla que todo o cadro de persoal, incluídos os condutores/as, gozará de dúas fins de semana libres ao mes e de quendas continuas rotatorias de mañá e tarde. Estas eran precisamente as propostas que o comité achegara nas conversas coa empresa e que a dirección se negaba a aceptar.

Pero finalmente, e coa convocatoria de folga enriba da mesa, Distribuciones Froiz deu marcha atrás nas súas pretensións de modificar substancialmente as condicións de traballo e impoñer horarios diferentes entre grupos de empregados/as, algo que o comité rexeitaba ao entender que era discriminatorio e que impedía garantir a conciliación entre a vida laboral a familiar.