O cadro de persoal de Valoriza Servizos Medioambientais, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Poio, decidiron o venres pola tarde desconvocar a folga indefinida que iniciaran pola mañá tras comprometerse a empresa e negociar o convenio colectivo a partir deste martes día 30. Na comparecencia diante dos medios de comunicación para anunciar a decisión, a representación sindical aproveitou para denunciar que operarios municipais encargáronse de labores de limpeza durante varios días, vulnerando o dereito de folga das persoas traballadoras.
Con anterioridade celebráranse catro xornadas de folga (do 22 ou 25 de xuño) ante o bloque das negociacións e o silencio da compañía ás propostas da parte social, tras o que o persoal de Valoriza iniciou unha folga indefinida o venres 26. Pero pola tarde a dirección da empresa convocou a representación sindical a unha xuntanza na que confirmou a súa intención de desprezar a unha persoa dende Madrid para manter unha reunión negociadora do convenio para os anos 2025 e 2026 este martes día 30. En consecuencia, a folga indefinida quedou desconvocada.
Con todo, dende a parte social denunciaron tanto os servizos mínimos abusivos establecidos durante a folga (superiores ao 90%) como o feito de que o Concello utilizou persoal municipal para realizar labores de limpeza, vulnerando o dereito de folga do persoal de Valoriza. Por este motivo presentouse denuncia diante da Policía local, que levantou acta, e na Inspección de Traballo.
Finalmente, dende a CIG salientaron a “unidade e determinación” da maioría do cadro de persoal, que secundou a folga e as mobilizacións, “a excepción dalgunhas persoas insolidarias que tamén se van beneficiar das melloras que se logren a partir de agora grazas ao esforzo dos seus compañeiros e compañeiras”.