Desconvocada a folga en Vertifil tras pactar unha suba salarial e outras melloras laborais
A asemblea de traballadores/as da empresa Vertifil Industrial de Moraña decidiu onte desconvocar os paros parciais e as mobilizacións previstas para hoxe e a folga de 24 horas que ía ter lugar o vindeiro martes tras pactar coa dirección unha suba salarial e outras melloras laborais.
A loita do persoal da compañía con sede no polígono de Mirallos deu finalmente os seus froitos, logrando un incremento nos soldos por riba do contemplado no convenio colectivo. A suba será do 4,5%: un 3,5% con efectos retroactivos dende o pasado 1 de xullo, atrasos que se abonarán en decembro, e a partir de entón o aumento será do 4,5% sobre todos os conceptos salariais do convenio, importe consolidábel en táboas, mentres que un 2,5% será mediante importe fixo non absorbíbel.
A absorción do diferencial do 2% farase en 2024 mediante un 1,5% de suba compensábel e absorbíbel segundo revisións salariais posteriores ao acordo (incrementos de convenio). E en 2025 haberá un aumento do 0,5% compensábel e absorbíbel tamén segundo revisións salariais posteriores ao acordo (incrementos de convenio).
As partes pactaron tamén fixar xuntanzas entre os meses de abril e maio para tratar a actual estrutura de categorías profesionais, cuestión que deberá quedar resolta antes de que remate 2024. Tamén se establecerá un calendario de reunións o vindeiro mes de decembro que contemplará cando menos unha xuntanza trimestral en 2024, á marxe dos encontros nos que se abordarán as categorías profesionais ou outros para tratar necesidades da empresa.
A dirección de Vertifil comunicou tamén a súa intención de levar a cabo investimentos na planta ao longo de 2024, así como a elaboración dun estudo para incorporar novos procesos de acabados. E tamén estudará aplicar melloras para a correcta organización da planta , ademais de axeitar as canles de comunicación e información entre os mandos intermedios e os seus equipos.