Desconvocada a folga en Urbaser Santiago ao aprobar a asemblea de persoal o preacordo coa empresa
As traballadores e traballadores de Urbaser Santiago acordaron desconvocar a folga indefinida que tiñan previsto iniciar na madrugada deste luns 18 de xullo, despois de alcanzarse no último momento un preacordo para o convenio colectivo coa empresa, que foi aprobado pola asemblea de persoal celebrada ás 23:30h.
O principio de entendemento chegou despois de máis de sete horas de intensa reunión coa empresa e só foi posíbel grazas á mobilización e á firme determinación do persoal a loitar por un convenio digno, fronte ás miserentas propostas trasladadas por Urbaser.
Deste xeito, o convenio terá unha vixencia de 2021 a 2024 e no ámbito económico contémplase unha paga de 300 euros para o 2021 e outra paga de 400 euros para 2022. Os atrasos de 700 euros (correspondentes a 2021 e 2022) vanse cobrar na nómina do mes seguinte. Ademais, haberá unha paga de 600 euros a abonar en xaneiro do ano 2023 e unha paga de 1200 euros a cobrar no ano 2024.
En canto ás xubilacións parciais, dereito que a emprese se negaba a recoñecer, esténdense até o 2025, tendo carácter indefinido os contratos ao final do relevo. Foméntase así a estabilidade na contratación e o persoal que se xubila só ten que facer o 75% da súa xornada. Estas xubilacións afectan a 15 persoas dende agora até o ano 2025, sendo un punto moi importante nas reivindicacións da parte social, dada a penosidade e toxicidade destes postos de traballo.
Xunto a isto, Urbaser procederá á readmisión dos dous compañeiros despedidos que tiñan presentado demanda no xulgado por despedimento improcedente, ao incumprir a empresa os acordos asinados en anos anteriores co comité sobre renovación do persoal eventual. Estes traballadores comezarán cubrindo baixas e vacacións tendo preferencia para un contrato indefinido tan pronto haxa unha vacante.