Desconvocada a folga en Urbanos de Ourense tras pactar un convenio que mantén o poder adquisitivo
Os traballadores/as de Urbanos de Ourense, concesionaria do servizo de transporte urbano municipal, decidiu onte desconvocar a folga indefinida que mantiñan dende o pasado 3 de maio tras pactar coa empresa un convenio colectivo que garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e evita a desregulación da xornada.
O preacordo foi ratificado en asemblea por 85 votos a favor e 2 abstencións, e as partes manterán unha nova xuntanza o vindeiro xoves para rematar de negociar algunhas cuestións menores que quedaron pendentes.
A suba salarial pactada establece un incremento do 0,8% para 2020, correspondente ao IPC de 2019; dun 1% para 2021 (IPC de 2020+1,5%); dun 3% para 2022, ao que hai que sumarlle un aumento de 500 na bolsa de vacacións, pasando dos 110 euros anuais actuais a 610; mentres que a suba de 2023 será o IPC do ano anterior.
Tamén se crea un plus de transporte de 161,42 euros a ingresar a final de ano e outra para o persoal de taller, que ingresará 35 euros por cada garda e cobrará as horas efectivas traballadas, garantíndose como mínimo o cobro dunha hora aínda que a urxencia quede resolta en menos tempo.
De igual xeito, garántese o cobro dun mínimo de oito horas diarias aínda que o traballador/a faga menos xornada, co que se evita a desregulación da xornada que pretendía a empresa. Elimínase o actual cómputo de tempos de traballo, pasando a computarse o traballo efectivamente realizado. A xornada de traballo será de 40 horas semanais, sen que se poida compensar a xornada entre semanas diferentes.