Desconvocada a folga en Quirón Prevención e Servicios Sanitarios del Cantábrico tras acadarse un acordo

Ferrol - 07 Abr 2025

O pasado venres chegouse a un acordo que supón a desconvocatoria da folga indefinida convocada en Quirón Prevención e a súa subcontrata, Servicios Sanitarios del Cantábrico, para reclamar a aplicación do convenio do metal e do plus do naval para o persoal que traballa dentro dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, así como unha serie de melloras laborais.

O acordo, ratificado polas asembleas do persoal, supón que se lle aplique o convenio provincial do metal ao persoal técnico de Quirón Prevención (até agora rexido polo convenio de empresa) a partir do 1 de xuño, e que o persoal adscrito ao convenio de transporte sanitario (tanto de Quirón como de Servizos Sanitarios del Cantábrico) perciba o “plus do naval” (polas táboas de servizos) na contía correspondente a Oficiales de 1ª.

O plus do naval tamén o cobrarán, na parte proporcional, aqueles traballadores e traballadoras que se despracen de maneira puntual a cubrir servizos nos estaleiros. 

Xunto a isto tamén se conseguiu que Quirón Prevención regularice a todo o persoal fixo-discontinuo en fraude de lei, que pasará a ter contrato fixo ordinario.

Chegar ao acordo, que responde ás reivindicacións sociais, foi posíbel grazas á determinación do persoal, que o pasado 26 de marzo iniciou folga e mobilizacións que levaron a apertura dun calendario de reunións con todas as partes implicadas.