Desconvocada a folga en Massimo Dutti das Cancelas tras chegar a un acordo con Inditex
As traballadoras de Massimo Dutti do centro comercial As Cancelas acordaron o pasado venres desconvocar a folga, tras garantirlles Inditex o mantemento das prazas, a xornada e os calendarios pactados na provincia da Coruña.
As traballadoras da tenda da cadea Massimo Dutti que Inditex ten no centro Comercial As Cancelas conseguiron, grazas á folga e ás mobilizacións que desenvolveron ao longo de toda a semana pasada, que a empresa atendera as súas demandas.
A folga iniciouse o pasado luns, día 23 de xaneiro, para manifestar a oposición do persoal ao peche do seu centro de traballo e contra as condicións que lles ofrecían como alternativa. Un peche que a multinacional xustificou amparándose, unha vez máis, no acordo acadado con CCOO e UGT sobre o proceso de dixitalización das vendas que, segundo denuncia a representante da CIG e presidenta do comité de Zara na provincia da Coruña, Carmiña Naveiro, “lle permite pechar tendas, non porque dean perdas, senón para obter máis beneficios a custo das traballadoras”.
A este respecto, Naveiro lamenta que estes sindicatos estatais asinen acordos “sen ter en conta as consecuencias que teñen para o persoal, abocando ás traballadoras á folga e a convocar mobilizacións para ver garantidos os seus dereitos laborais”.