Desconvocada a folga en Froiz Mar tras pactar uns horarios con descansos que permiten conciliar a vida laboral e familiar
A asemblea de traballadores/as de Froiz Mar, empresa encargada da distribución de marisco e peixe aos supermercados Froiz, ratificou onte a última hora da tarde o preacordo ao que chegaron a dirección e a representación sindical a respecto da implantación duns novos horarios que inclúen uns descansos que permiten conciliar a vida laboral e familiar. Deste xeito a folga de tres días prevista para hoxe, mañá e pasado quedou desconvocada mesmo antes de se iniciar.
Dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra cualifican de “moi satisfactorio” o pacto coa empresa, xa que redundará na mellora das condicións de traballo do cadro de persoal. O acordo foi posíbel despois de tres xuntanzas celebradas o luns, o martes e o mércores.
O conflito laboral iniciárase tras a negativa da empresa con sede en Lourido (Poio) e centro de traballo no porto de Vigo a negociar uns horarios que facilitasen a conciliación da vida laboral e familiar.
Segundo lembran na CIG-Servizos, Froiz Mar incumpre “dende sempre” os descansos, xa que os arredor de 30 empregados/as rematan a semana de traballo o sábado ás 11:30 horas e comezan a traballar de novo o domingo de madrugada ás 4:00, polo que non transcorren as 48 horas obrigatorias ininterrompidas de descanso semanal.
“Cando na central sindical tivemos coñecemento desta situación o ano pasado intentamos sen éxito negociar coa empresa, polo que puxemos unha denuncia diante da Inspección de Traballo”. En decembro a autoridade laboral emitiu un informe “rotundo” no que lle require á compañía que implante uns novos horarios que respecten o descanso semanal contemplado no convenio colectivo de Comercio de Alimentación.
“A partir de entón mantemos tres xuntanzas coa dirección nas que non se nos deu a oportunidade de negociar nada, senón que o que fai a empresa é pretender impoñer de xeito unilateral uns horarios, até o punto de que se nega a levantar actas por escrito das reunións”, denuncian.
Medida discriminatoria
Para aplicar os cambios propostos pola Inspección Froiz Mar tería que abrir un procedemento de modificación substancial colectiva das condicións de traballo, establecendo un período de negociación de 15 días, cousa que non fixo. “A nosa sorpresa é que na última xuntanza entregaron uns horarios feitos con moi mala fe, porque aínda que cumpren as 48 horas de descanso o que fan é obrigar a metade do cadro de persoal -integrado na súa maior parte por condutores/as- a traballar xornadas diarias de entre 2,5 e 3 horas”.
Isto fano unicamente para respectar o descanso obrigatorio, pero non establecen uns horarios “normais “que permitan conciliar a vida laboral e familiar. Si que o fan pola contra na outra metade do persoal, que poderán librar un sábado ou o un luns, “polo que cremos que se trata dunha medida discriminatoria que a empresa aplica de xeito arbitrario”.
A proposta da CIG sempre foi establecer un sistema rotatorio de quendas no que todas as persoas traballadoras teñan dereito a gozar dos mesmos días libres, polo que se a unha lle toca librar unha semana un sábado a outra tocaralle a semana seguinte. “Mais a empresa negábase a facelo e optou por impoñer uns horarios inxustos, o que nos obrigou a convocar a folga que finalmente non chegou a iniciarse”.