Desconvocan a folga en Constellium tras un acordo para regular as categorías que supón melloras salariais
A folga de toda a xornada prevista en principio para hoxe, mañá e pasado en Constellium Automotive Spain non se fará finalmente efectiva unha vez que a asemblea de traballadores/as aceptou o sábado as condicións pactadas o venres polo comité e a dirección. O acordo contempla unha regularización das categorías profesionais que vai supoñer melloras salariais inmediatas para o conxunto do cadro de persoal da empresa auxiliar da automoción con sede no Porriño.
Segundo explican dende a CIG, que conta cos 5 delegados/as do comité, as partes chegaron a un preacordo o venres -tras toda a xornada negociando- que foi ratificado ao día seguinte en asemblea polos/as empregados/as, permitindo desconvocar os tres días de folga previstos a partir de hoxe. Con anterioridade si que se desenvolveran tres xornadas de paros parciais que foron secundados pola totalidade do persoal.
Na central sindical dan por cumpridos os principais obxectivos que motivaron as mobilizacións, de xeito que se van regular as categorías laborais para o persoal de nova entrada e sen van actualizar para os traballadores/as que se atopan xa en activo. Isto vai supoñer de xeito inmediato unha importante mellora a nivel salarial en función da antigüidade. Ademais, créase un novo complemento de polivalencia.
A empresa tamén se compromete a que antes de que remate o mes de xuño unha compañía externa levará a cabo as medicións necesarias e procederá a formar o persoal de métodos para que se encargue de determinar a produción real de Constellium.
Ao mesmo tempo, programouse a celebración de xuntanzas periódicas entre a representación sindical e a dirección para abordar outras cuestións como o calendario de vacacións ou o calendario laboral.