
Desconvocada a folga e as protestas do persoal de Carglass na provincia de Pontevedra

A representación sindical dos talleres de Carglass da provincia de Pontevedra alcanzou hoxe un preacordo coa dirección tras unha semana de negociacións polo que a empresa renuncia á súa intención de impoñer a obrigatoriedade de traballar 22 sábados ao ano. Tanto a folga como a concentración diante do TSXG na Coruña previstas para este xoves día 3 quedan suspendidas á espera de que o pacto sexa ratificado en sede xudicial, coincidindo coa celebración do xuízo por modificación substancial das condicións de traballo.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, o preacordo contempla a creación dun retén integrado por un pequeno número de persoas traballadoras para que a compañía poida facer fronte a imprevistos (serán considerados así sempre que acontezan con menos de 48 horas de antelación).
Tamén se establece unha bolsa para a devolución das horas extraordinarias. E un calendario estábel de xuntanzas para abordar as problemáticas que motivaron a convocatoria da xornada de folga e das mobilizacións (xornadas irregulares, deficiencias en saúde laboral, excesiva carga de traballo).
Finalmente, dende a central sindical instan a dirección de Carglass a seguir avanzando en dereitos e en melloras laborais nas próximas reunións.