Suspendida a folga dos SAF ante o anuncio de CCOO e UGT de que non asinarán o convenio
Tras 28 días desde o seu inicio, esta mañá anunciábase a suspensión da folga dos SAF ás portas mesmo do Consello Galego de Relacións Laborais. A decisión adoptábase tras CCOO e UGT declarar, na xuntanza previa convocada neste organismo, que non ratificarían o preacordo porque non se daban as condicións nos concellos. Unha declaración que a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, considera “unha desculpa fronte as traballadoras, non só da CIG, senón todas as do sector”.
Para Fernández a valoración “non pode ser máis positiva”. Entende que o obxectivo da convocatoria, que era rexeitar o preacordo asinado por CCOO e UGT, conseguiuse. Así como se conseguiu frear a supresión da actualización salarial ano a ano, en función do IPC e que se creara unha dobre escala salarial, que era “unha clara discriminación entre traballadoras”.
Con todo Fernández denuncia a actitude da patronal, que cualificou de vergoñenta a concentración de traballadoras de SAF que se celebraba no exterior do edificio que alberga o CGRL, mais tamén o seu anuncio de que sen a ratificación de CCOO e UGT “o convenio está morto”.
A secretaria nacional de CIG-Servizos lembra que o convenio levaba desde o ano 2012 caducado, que ten ultraactividade e que, polo tanto, e mentres non se negocie un novo, a patronal terá que incrementar os salarios conforme o IPC a inicios de 2023, ademais de facer efectivos os atrasos xerados este ano.
“A esta altura de ano, cando queda apenas un mes para que saibamos cal vai ser o valor do IPC, entendemos que se ten que cumprir o que marca o convenio, que no suposto de que non se revalorice a través da negociación, o ten que facer a través do IPC e a partir do ano que vén se nos aplique o do ano 2022”.
A CIG-Servizos reclamará ademais, xunto as traballadoras, os atrasos do 6,5% deste ano. “Haberá que facelo xudicialmente dado que a patronal, ao non ter asinado o convenio, non o vai aplicar polas boas”, sinala.
Nova negociación
A partir de agora o obxectivo da CIG é que se negocie un novo convenio no que realmente se melloren as condicións laborais, salariais e sociais das traballadoras. “A patronal afirmou que por eles non vai a haber ningún tipo de negociación, o mediador dixo que entendía que todos os conflitos tiñan que ter unha solución e que, senón, estes días haberá que volver a negociar, brindándose a convocar unha nova xuntanza para que teñamos outra reunión e intentemos chegar a un acordo”.
Fernández quixo ademais recoñecer a valentía das traballadoras que, contra vento e maré, cuns servizos mínimos abusivos e soportando presións de todo tipo, mesmo familiares, para que abandonaran a folga, se mantiveron firmes e unidas na loita e acadaron o seu obxectivo: frear un convenio lesivo para os seus intereses e que non permitía camiñar cara a dignificación do labor esencial que desenvolven a diario, coidando ás persoas dependentes, que tanto o precisan.