Desconvocada a folga de recollida de lixo e do punto limpo de Padrón ao chegarse a un preacordo
A CIG asinou esta mañá un preacordo co que se desconvoca a folga indefinida do servizo de recollida de lixo e do punto limpo de Padrón iniciada o pasado luns. A central sindical manifesta a súa satisfacción polo que supón de avances para o cadro de persoal, mais denuncia a actitude do goberno municipal, nomeadamente do seu alcalde, polo seu desinterese para propiciar unha solución ao conflito.
Segundo explica Roberto Alonso, da CIG-Servizos, o preacordo contempla un convenio de transición para o ano 2023 e, entre outras cuestións, conséguese un incremento salarial lineal de 60€ ao mes e que se introduza unha cláusula de revisión ao IPC real no caso de non haber negociación.
Estes aspecto é, segundo Alonso, especialmente relevante porque ao carecer desta cláusula e estar sen negociar o novo convenio durante 8 anos non se actualizaran os salarios desde aquela.
Conseguiuse ademais que se lle dea prioridade ao persoal a tempo parcial para que aumente a xornada antes de se realizar novas contratacións, o recoñecemento das categorías laborais, nomeadamente dun traballador á categoría de condutor, que a tiña reclamada xudicialmente, co que se evita ter que ir o xulgado.
Actitude do alcalde
Alonso lamenta, en todo caso, a actitude do concello porque “de ter sido máis dialogante e interesarse pola situación, seguramente se tería evitado este conflito”. Para a representante da CIG a actitude do alcalde é tanto máis lamentable tendo en conta que no pleno celebrado onte recoñeceu que si falara coa empresa, mais afirmou que cos traballadores e traballadoras e a representación sindical “non tiña nada que falar”.
Precisamente coincidindo co pleno, o persoal destes servizos concentrábase onte ás portas do concello para reclamar do alcalde a súa implicación, por responsabilidade coa veciñanza do concello e para evitar que o conflito se prolongara.