Desconvocada a folga da UCI de Adultos do Clínico tras 5 meses de mobilizacións

A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago recoñece as eivas e accede ás demandas do persoal

Compostela -

Foron necesarios preto de 5 meses de folga e mobilizacións semanais para que a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago atendera as demandas do persoal da UCI de Adultos do Hospital Clínico. O acordo asinouse esta mesma mañá e, tal e como salientou o propio persoal, contempla unha reforma da unidade que garantirá unha asistencia sanitaria digna, tanto para as e os doentes de coidados intensivos, como para o persoal; formación  nas novas técnicas e nos novos aparellos e un Plan Funcional no que se regulen todas as cuestións que atinxen ao funcionamento da unidade.

No acordo recóllese o compromiso de proceder á remodelación completa da UCI-A transformándoa nunha unidade con boxes pechados e pasando das 15 camas actuais a 12. O proxecto atópase en fase de licitación e establece tanto os prazos de execución como un orzamento de 1.258.046,64€.

Reforma estrutural

Crearase ademais un grupo de traballo para colaborar coa empresa adxudicataria da obra, no que terán participación todos os colectivos profesionais que así o consideren, agás a/o xefa/e de servizo e o/a supervisor/a, aínda que o número de profesionais por categoría está limitado a 2 para que o grupo poida ser operativo.

Tamén se recolle outra das demandas do persoal, nomeadamente a referida á mobilidade. Neste sentido o persoal só se mobilizará ante necesidades puntuais e inevitables a outras unidades de críticos de adultos.

Na UCI-A manterase o ratio 2:1 no caso de persoal de enfermería e 4:1 no caso de TCAEs. “Para a mobilización do persoal da UCI-A a outras unidades de críticos e para as coberturas do persoal de cadro da UCI-A valorarase a necesidade de persoal na unidade sumando 3 camas ás ocupadas nese momento, coa finalidade de asegurar a asistencia sanitaria das/os doentes en caso de ingreso, agás situacións puntuais da unidade nas que a carga asistencial xustifique un reforzo”.

Mantense ademais o acordado en 2020 en relación ao acompañamento de doentes de transplante hepático con hemofiltro que teñen que ir a quirófano.

A Xerencia recoñece tamén o dereito do persoal a que se lle compute un exceso de xornada de 2o minutos mentres a UCI non dispoña de cubículos pechados e no suposto de que teña que traballar toda a quenda co EPI completo posto.

Plan de prevención e de continxencia COVID-19

Aplicaranse todas as medidas que contempla o Plan de Prevención de Riscos fronte á COVID así como as medidas observadas no Plan de Continxencia do SERGAS e da Área Sanitaria vixentes para minimizar os riscos laborais: EPIs, pixamas, duchas, ratios…

Xunto a isto, acórdase que o plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo do persoal sexa revisado coa periodicidade que estableza o Comité de Seguridade e Saúde.

Canto aos riscos psicosociais, contémplase realizar a avaliación ao persoal da UCI de Adultos en canto se poña en marcha o Plan de Avaliación da UPRI. Ademais recóllese que mentres este non se execute, as e os profesionais poidan recibir axuda psicolóxica a través do Plan de Axuda Piscolóxica posto en marcha polo SERGAS e o propio servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria, doa cal se indicarán as vías de contacto.

Formación

No referido a formación específica do persoal da UCI, acordada e planificada pola Unidade Docente, esta será considerada tempo de traballo ou farase efectiva durante a xornada laboral. Unha formación para atinxe a todo o persoal da unidade mais tamén ao de nova incorporación para coñecer o Plan funcional, as ferramentas de calidade, o soporte informático e o relativo a prevención de riscos laborais.

Tamén se contempla no acordo a convocatoria da praza de Xefa/e do Servizo de Medicina Intensiva, pendente de publicación no DOG e que contemplará, dentro dos obxectivos da mesma, a elaboración dun plan funcional para a organización da asistencia a doentes críticos/as de toda a área sanitaria, así como outros aspectos como a elaboración dun plan formativo para todo o persoal sanitario e non santiario.

Para facer seguimento e supervisión do acordo constituirase unha comisión integrada pola Xerencia, a/o xefa/e de servizo; o/a supervisor/a e representantes do persoal que este designe.

Volver