25 de Novembro: "Descoidar a quen coida é violencia machista"
Se algo evidenciou a pandemia da Covid-19 foi o carácter esencial dos traballos de coidados e malia isto, non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial, non se puxeron en marcha políticas públicas para reforzar e valorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas. Por iso, este 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a CIG mobilizouse diante de edificios do Goberno español e da Xunta para chamar a atención sobre ese tipo de violencia machista menos visíbel, a violencia institucional, e sinalar a quen a ten responsabilidade de rematar con ela, porque "descoidar a quen coida é violencia contra as mulleres".
Precisamente ese é o lema escollido pola secretaría das Mulleres da CIG para a campaña deste 25N, a través da que reivindicar que se lle dean as tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade; e ao tempo denunciar que, no contexto da pandemia, os poderes públicos "non adoptaron medidas sociosanitarias nin económicas con perspectiva feminista nin de clase, porque o capital foi e está a ser quen xestiona a crise sanitaria e quen dita a resposta a esta".
A secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral, subliñou que a emerxencia sanitaria puxo de manifesto a importancia do traballo doméstico e de coidados, mais o papel predominante das mulleres como coidadoras dentro do entorno familiar e traballadoras da atención sanitaria de primeira liña, expúxoas de maneira desproporcionada ao virus.
Foron tamén as mulleres quen sufriron un maior impacto económico e social, ao ser maioría no sistema sanitario e social, véndose sobre expostas ao contaxio e obrigadas a asumir, ademais, unha sobrecarga de traballo físico e psicolóxico.
A isto hai que engadir, apunta Marga Corral, que as mulleres están empregadas maioritariamente en sectores precarizados do mercado laboral e que esta precariedade se disparou no contexto de crise, "coa consecuente perda do emprego e desprotección social, deixando as mulleres nunha situación de vulnerabilidade". E ademais, o confinamento tamén deixou máis expostas a posíbeis agresións, ás vítimas de violencia machista.
Fallan as políticas en igualdade
"E todo isto aconteceu sen que os homes se fixeran cargo das tarefas de coidados de xeito corresponsábel, asumindo as mulleres o peso fundamental do sistema de coidados tanto nos traballos formais como nos informais", denunciou.
Así lembrou que se adoptaron medidas urxentes como o peche de colexios ou centros de atención ás persoas, impúxose o teletraballo como unha forma de falsa conciliación ou limitáronse os contactos con persoas que habitualmente colaboran nas tarefas de coidados; pero en paralelo non se puxeron en marcha permisos retribuídos para aquelas persoas traballadoras que teñen que facerse cargo dos coidados.
A este respecto, Marga Corral referiuse ao Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado que contempla, no programa de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o chamado Plan Corresponsábeis, pensado para ofrecer solucións de conciliación. Pero este plan, orzado en 200 millóns dos que 190 serán transferidos ás comunidades, está destinado a crear unha bolsa de coidado profesional a domicilio e por horas.
"Isto supón un servizo de axuda no fogar encuberto, a contratación precaria de mulleres para que se fagan cargo de crianzas ou o que é o mesmo, mulleres con dispoñibilidade absoluta para asinar contratos lixo, temporais e con salarios miserentos que as empobrecen agora e as desprotexen de cara ao futuro", advirte.
Para Corral vincular esta partida coa corresponsabilidade "é unha absoluta falacia porque non garante que os homes asuman tarefas de coidado nin que estes traballos feminizados sexan ocupados por traballadores. E ao tempo non se lle dá a valorización que merecen. Que esta sexa a gran medida do Goberno español en materia de igualdade é noxento".
Fronte a isto, a CIG reivindica o recoñecemento e revalorización do sistema de coidados, insta á mellora das condicións laborais do persoal deste sector e demanda a creación dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas. "Porque os recursos e servizos teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a seren considerados un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións laborais dignas e estábeis para as persoas traballadoras".
Lembranza á orixe da conmemoración e ás mulleres vítimas da violencia machista
Durante as concentracións tamén se quixo rememorar a orixe da conmemoración do 25 de novembro, "que os organismos internacionais do imperialismo se encargaron de borrar, de xeito que apenas lembramos a historia de loita, organización e enfrontamento das mulleres ás ditaduras militares e aos gobernos capitalistas".
Marga Corral lembrou que foi un 25 de novembro de hai 60 anos cando as irmáns Mirabal (Patria, María Teresa e Minerva) foron secuestradas, golpeadas e asasinadas por un comando do ditador Trujillo na República Dominicana, pretendendo facer pasar ese asasinato por un accidente.
Tamén se fixo unha lembranza de Manuela Iglesias e Clara María Expósito, as dúas mulleres que morreron este ano en Galiza vítimas da violencia machista.
Chamado a participar nas mobilizacións do feminimo galego
Desde a Secretaría das Mulleres da CIG faise un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Coordinadora Nacional da Marcha Mundial de Mulleres na Galiza (organización da que a CIG forma parte), e do resto de colectivos feministas o 25 de novembro.