Descubertas cámaras de vídeo ocultas na cociña da cafetería do Hospital do Barbanza
Na noite do pasado martes, a encargada de ARAMARK (empresa que ten a concesión da cafetería do Hospital do Barbanza) foi vista desmantelando un circuíto de cámaras de videovixilancia do que os traballadores/as non tiñan constancia. Estes feitos producíronse o mesmo día que a delegada de persoal -a raíz da aparición de cámaras ocultas na cafetería do persoal do Hospital Clínico- se dirixiu por escrito ao xerente da empresa solicitando certificación dos dispositivos instalados, os lugares concretos onde están e se existe algún elemento de gravación de audio.
ARAMARK comunicou en decembro do ano pasado a súa intención de pór en funcionamento cámaras de seguridade no centro de traballo do Barbanza. Segundo a certificación da empresa encargada de instalar o sistema, na cafetería do Hospital hai tres cámaras de vídeo visíbeis e que cumpren coa normativa vixente. No escrito tamén se asegura que non existe ningún elemento técnico que permita a gravación de audio.
Por iso, o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, pregúntase a que vén desmontar o circuíto ás agochadas, o mesmo día que a delegada preguntou polas cámaras e xusto antes de recibir a certificación da empresa instaladora. "Se as cámaras son legais, como se explica o proceder da encargada. Ou é que hai tres cámaras que cumpren a normativa e a maiores un sistema oculto do que non se informou aos traballadores/as?", cuestiona.
Vulneración de dereitos
Cómpre lembrar que a pasada semana a CIG denunciaba a aparición dunha cámara oculta de gravación de vídeo e audio na sala de descanso da cafetería do persoal do Hospital Clínico. Hai uns días, a empresa ARAMARK recoñecía a instalación desta cámara, aducindo que fora colocada por un investigador privado contratado logo de apreciarse un descadre de caixa. "Agora atopámonos cun circuíto na cociña da cafetería do persoal do Hospital do Barbaza do que ninguén tiña constancia".
Para a CIG-Servizos este feitos reforzan o proceder ilegal de ARAMARK que non dubida en vulnerar dereitos fundamentais para espiar os seus traballadores/as. Neste senso, Alonso engade que, de seren legais as cámaras do Barbanza, a empresa non correría a desmantelar o sistema o mesmo día que a delegada de persoal preguntou pola súa existencia e a localización exacta das cámaras.