Descende o paro a conta da precariedade pero medra entre as persoas con máis de 30 anos
O SEPE rexistrou, no mes de febreiro, un total de 130.538 persoas desempregadas, o que supón unha caída dun 0,4%. Malia isto incrementouse na provincia de Pontevedra, a máis industrializada de Galiza, polo aumento do paro que se produce precisamente neste sector, ademais do sector Servizos e entre o colectivo sen emprego anterior.
Dos datos tírase tamén que o 60% das persoas rexistradas como paradas son mulleres; que o paro aumentou entre as persoas con máis de 30 anos e que o 60,5% das persoas desempregadas teñen máis de 45 anos.
Canto á afiliación á Seguridade Social, que medrou nas catro provincias, dáse a circunstancia de que os contratos que máis medran son os temporais a tempo parcial, un 2,9%, seguidos dos indefinidos fixos-descontinuos, que aumentaron o 1,3% e os indefinidos a tempo parcial, que se incrementaron un 0,9% respecto do mes de xaneiro.
Diante destes datos, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío apunta que nestes meses, tanto o pasado como previsiblemente este, a UE rexistrou a taxa de paro máis baixa da historia, dun 6,4% de media. Porén, afirma que “no Estado español son do dobre que no contexto da media da UE malia crearse cada vez máis emprego, aínda que en peores condicións”.
González Sío entende que o que se deu en chamar paro estrutural “utilízase como escusa para agochar a incapacidade, tanto do goberno español como do goberno galego para facer que as taxas de paro sexan equivalentes aos países da nosa contorna”.
Taxas de emprego industrial propias do Terceiro Mundo
Isto ten que ver, ao seu entender, cun modelo económico baseado no sector Servizos e na temporalidade e estacionalidade do traballo, xunto coa perda de poder industrial, que no caso de Galiza cualifica de “terrible e preocupante, xa que temos taxas de emprego industrial e un peso deste sector no PIB propios de países do Terceiro Mundo”.
Atendendo a isto asegura que “estamos creando un modelo económico baseado na estacionalidade do traballo e na contratación precaria”, como confirman os datos de afiliación á Seguridade Social en canto a contratación. A isto engade que aumentaron os indefinidos a tempo completo mais salienta que os que máis aumentan son os temporais a tempo parcial, o que o leva a concluír que “xa non hai temporais a tempo completo, agora xa se fan todos os contratos temporais a tempo parcial”.
Respecto do aumento dos fixos descontinuos considera que “é imparable”, ao igual que no caso dos indefinidos a tempo parcial, que amosan unha tendencia que mes a mes se confirma de constante incremento.
Cuadrilla de demolición da mocidade
O secretario confederal de Emprego chama especialmente a atención sobre o feito de que perdamos cada vez máis traballadores e traballadoras mozas. Unha situación que o leva a cualificar a Xunta de Galiza e as súas políticas como “cuadrilla de demolición”. Sobre isto afirma que “cada vez hai menos persoas novas, xa non polo problema demográfico que temos, que é enorme en Galiza, senón tamén polas políticas económicas e industriais do goberno do PP á fronte da Xunta, que son nefastas para Galiza e para o seu futuro e que están levando ao país a unha ruela sen saída”.
Neste sentido lembra como nos datos do paro, o número de persoas menores de 45 anos desempregadas ten un peso menor ao 40%, pero “non porque se cree emprego entre este colectivo, senón porque este grupo de idade vense expulsado do mercado de traballo polas condicións tan precarias que se lles están dando e están marchando”.
Por iso Francisco González Sío conclúe que, con cada vez menos xente nova, ”é imposible ter un futuro como país se seguimos perdendo poboación nova, polas condicións de traballo que lle damos obligándoos a marchar do país”.