Derrúbase o teito dunha habitación do hospital médico-cirúrxico de Conxo
A CIG-Saúde de Santiago vén de denunciar a falta de xestión para verificar que as instalacións hospitalarias garanten a seguridade e calidade tanto as traballadoras/es como enfermos, logo de que o pasado martes, día 8 de agosto se desprendera o falso teito dunha habitación da segunda planta do hospital médico-cirúrxico de Conxo, cando estaban a colocar plafóns luminosos nos teitos das habitacións. Un hospital que carece de aire acondicionado ou climatización, condicións importantes para o confort e benestar dos e das doentes.
A CIG-Saúde salienta que afortunadamente non se atopaba ningún doente nas habitacións, polo peche de camas no período estival, ante a carencia de profesionais para substituílos para que poidan gozar dun dereito fundamental como son as vacacións.
Diante deste suceso, Xosé Manuel Marcote denuncia que, unha vez máis, “a Xerencia demostra a deixadez nas súas responsabilidades sobre o mantemento preventivo e metodoloxía para a prevención de riscos”.
Apunta que o mantemento “non debe estar condicionado, nin xestionado polas decisións das empresas privadas, ante a falta dun responsable do servizo de mantemento como é o xefe de servizo, que ten entre os seus cometidos a organización e xestión do mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)”.
Por iso a CIG-Saúde denuncia a “incompetencia” desta Xerencia “pola falta de planificación e control da xestión da empresa privada que, segundo os pregos de condicións é a responsable do mantemento do hospital médico-cirúrxico”.
Do mesmo xeito, denuncia a falta de transparencia na súa xestión e falta de información aos representantes das e dos traballadores e solicita que se faga unha inspección técnica do edificio pola súa antigüidade por se fose necesario realizar obras.