Dereitos Civís promove unha iniciativa sob o lema “A simboloxía galega non é ilegal”
Estes feitos reabren, segundo explica o Dereitos Civís (DC) o inconcluso debate sobre a censura nos campos de fútbol a determinada simboloxía pola súa suposta relación co “terrorismo” ou polo seu carácter nacionalista. Lembra as “sonadas” denuncias de afeccionados aos que se lles impediu portar bufandas ou bandeiras coa estrela vermella, a palabra Galiza, ou o retrato de Jimmy, “mentres se permite o acceso aos estadios a persoas que portan simboloxía filofascista”.
Para o DC o suceso coa bufanda Celtarra remite á circular enviada en 2015 pola Liga de Fútbol Profesional aos equipos de primeira e segunda división, “endurecendo as restricións de entrada e os requisitos para exhibir simboloxía no interior dos campos” que, segundo a LFP debe limitarse “ás expresións de apoio ao club”.
O DC lembra que a organización tamén anima a recoller no regulamento interno as medidas propostas na circular en atención á Lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte.
Sinala que a lei é bastante laxa e as marxes para delimitar que símbolos ou mensaxes resultan aceptábeis dentro dun campo fican nas mans das directivas dos equipos, ou como se comprobou no caso de Balaídos, no criterio arbitrario dos gardas de seguridade contratados polo Club. “Para estes unha bufanda coa palabra Celtarra é terrorismo e unha bandeira coa estrela vermella incita á violencia”.
Lembra que no ano 2013, debido ás queixas presentadas por numerosos cidadáns e Dereitos Civís pola retirada por parte da policía da simboloxía nacionalista galega en diversos estadios, o Valedor do Pobo instou ao Defensor del Pueblo a se dirixir ao goberno español para reprobar esta prohibición, pois estas situacións estábanse a “reproducir dun xeito relativamente habitual nos últimos tempos e afecta a un número considerábel de cidadáns”.
O Ministerio do Interior, pola súa banda, xustificaba a prohibición alegando que a exhibición das estreleiras podería “provocar unha reacción adversa e violenta por parte duns sectores de afeccionados”.
Valedor do Pobo
Sobre esta cuestión, o Valedor do Pobo amosaba dúbidas á hora de interpretar a normativa de aplicación cando os símbolos avaliados teñen unha lectura política ou identitaria, pero están completamente desprovistos de connotacións de carácter violento. Concretamente, nestas circunstancias apela á autoridade a dar unha resposta máis estudada. Dereitos Civís explica que isto é así porque no marco da Lei 19/2007 prohíbese expresamente, no ámbito deportivo, a presenza de símbolos ilegais que, dun xeito inherente, trasladan mensaxes de odio e discriminación. Porén non se regula a exhibición de símbolos alegais, ao carecer dun respaldo institucional, pero que non incitan á violencia, tal e caso da bandeira galega cunha estrela vermella. De feito, estas bandeiras non se requisaron por ser ilegais nun estadio, senón por considerar que poden xerar reaccións adversas entre parte do público.
O Valedor do Pobo consideraba entón que os responsábeis de seguridade dos eventos deportivos deberían realizar unha aproximación máis matizada a un problema “que fire a sensibilidade dun número significativo de cidadáns”, tal e como constaban as abundantes queixas recibidas pola institución.
Ao seu entender a retirada de símbolos non ilegais -como a bandeira estrelada galega- debería producirse “só de xeito excepcional e naqueles casos nos que a ameaza de incidentes violentos sexa altamente probábel”. Recomendaba analizar as condicións de cada evento deportivo de maneira individualizada e, en calquera caso, argumentar motivadamente a existencia dun risco serio de que se produzan incidentes violentos para aplicar restricións.
Para o Valedor do Pobo a exhibición de bandeiras independentistas só se debería impedir de xeito extraordinario, en partidos que teñan sido cualificados como de alto risco pola Comisión estatal conta la violencia, el racismo, la xenofobia y la intolerancia en el deporte, e nos que exista unha ameaza demostrábel de que a súa exhibición xerará incidentes violentos.
Así, aseguraba “a limitación por motivos de orde pública da liberdade de expresión, que inclúe a liberdade para portar símbolos nacionalistas ou independentistas en espazos públicos, debe ser, polo tanto, excepcional e ser aplicada de xeito prudencial”.
Tres anos despois da queixa do Valedor do Pobo, a presenza da simboloxía nacionalista galega nos campos de fútbol “non só non se regularizou, senón que mesmo se ampliaron as restricións a todo tipo de símbolos, prendas ou faixas que a seguridade do evento considere inadecuadas”, denuncia Dereitos Civís.
A pesar das recomendacións do Valedor do Pobo, “segue limitándose a liberdade de expresión nos estadios por riba do estabelecido na lexislación vixente e seguindo criterios arbitrarios e inmotivados baixo escusa dunha suposta seguridade”. Por iso Dereitos Civís promove esta inciativa de recollida de sinaturas para exixir ao Defensor del pueblo que, en base aos informes do Valedor, actúe diante do Ministerio do Interior e das autoridades deportivas para que se poña fin a estas prácticas.