As dependentas de Inditex toman as rúas da Coruña para reclamar melloras laborais e negociar aquí as súas condicións de traballo
Máis de mil traballadoras das tendas de Inditex manifestáronse este domingo na Coruña para reclamar melloras nas condicións laborais e sociais e que se lle recoñezan dereitos que xa teñen os compañeiros doutras empresas do grupo. Na mobilización, que partiu da Praza de Lugo e rematou en Porta Real, participaron traballadoras chegadas de todo o país que lle demandaron á multinacional que desenvolva as negociacións en Galiza e advertiron que continuarán loitando até conseguir que se atendan as súas xustas reivindicacións.
Porque Inditex teima en afastar as relacións laborais e centralizar a negociación colectiva en Madrid co obxectivo de evitar unha mesa na que a CIG sexa maioritaria. De feito, despois de anunciar a convocatoria da manifestación, a empresa contactou coa central nacionalista para convidala a participar nunha negociación que ía iniciar en Madrid, cando xa tiña aberta unha mesa en Arteixo.
Mais nesa reunión que tivo lugar o pasado mércores nada se avanzou "ao repetir Inditex as mesmas raquíticas propostas" que as trasladadas nas xuntanzas previas celebradas en Galiza e que nin a CIG nin as traballadoras aceptaran. Iso si, a multinacional pechouse rotundamente a negociar en ámbitos inferiores, nin autonómicos nin provinciais, na procura dunha maioría sindical que lle asine por menos e deste xeito evitar a presión social que as traballadoras son quen de exercer no noso país.
Inditex pechou unilateralmente a mesa galega
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na manifestación, xa advertiu que "seguiremos mobilizándonos para que se negocie aquí, porque é aquí onde podemos conseguir melloras reais e que se atenda a nosa plataforma reivindicativa. O que vemos é que CCOO e UGT están á expensas do que diga Inditex".
Fernández chamou a atención sobre o feito de que a multinacional fixara a próxima reunión da mesa para o luns 8 de abril, xusto un día despois da manifestación na Coruña. "Están á espera de comprobar como sae a mobilización", apuntou a secretaria nacional da CIG-Servizos, quen reiterou que "non imos renunciar a defender a nosa plataforma" nin tampouco que se pretenda blanquear esa negociación en Madrid á baixa a conta da convidar a CIG e a ELA á mesma.
A este respecto, Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, indicou que Inditex se comprometera a manter abertas ambas mesas, "pero tan só dous días despois de convocarnos a Madrid cambiou de opinión e comunicounos que xa non ía haber máis reunións na Coruña".
Avanzar na equiparación das condicións
As traballadoras das tendas xa demostraron a súa capacidade de loita e a súa determinación a mobilizarse na defensa dos seus dereitos, porque saben que este é o camiño para conseguir melloras reais. Hai ano e medio lograron un acordo salarial histórico -que se aplicou ás dependentas de todo o Estado-, e agora as súas demandas céntranse naquelas melloras laborais e sociais que ficaron pendentes.
Domínguez explicou que a plataforma trasladada a Inditex vai no camiño de avanzar na equiparación co persoal doutras empresas do grupo, que teñen mellores condicións incluso tendo categorías inferiores, e na equiparación entre todas as cadeas.
"Pedimos os mesmos dereitos que xa teñen os compañeiros de loxística", subliñou, xa que ademais de salarios máis altos, eles teñen pluses, bolsa de vacacións, bono comedor, axudas sociais, maiores retribucións pola antigüidade ou melloras na redución de xornada por idade. Dereitos que Inditex lle nega ás dependentas das tendas, malia que vén de anunciar uns beneficios millonarios de récord e un incremento do 28% dos dividendos.
En pago por este extraordinarios beneficios, Inditex só ofreceu ás dependentas 200€ de bono anual para as tendas que cheguen ou superen o 100% do obxectivo de vendas anual, pero sen querer entrar a negociar nada relativo á retribución da antigüidade.
En canto á xornada, a empresa só manifestou a súa disposición a recoñecerlles ás traballadoras con máis de 20 anos de antigüidade e xornadas de 24 horas, unha redución de xornada de 12 horas, a partir dos 58 anos de idade. E para aquelas con xornadas maiores, de 12 horas ao ano. Unha proposta que Transi Fernández cualifica de "broma", xa que apenas suporía “saír tres minutos antes cada día”.
No relativo á prima de vinculación, para as traballadoras das tendas Inditex limítase a propor 1.120€ anuais en 2024; 1.260€ anuais, en 2025; e 1.400€ anuais, en 2026; a aplicar a partir dos 25 anos na empresa e absorbendo ademais os conceptos que existan actualmente por antigüidade (cando isto non acontece cos compañeiros). No caso das traballadoras da provincia da Coruña estas cantidades significarían un incremento de 0 euros.
Ademais, a multinacional négase a negociar a aplicación de pluses de traballo de tarde e en sábado (que son quendas máis penosas, con maior carga de traballo e máis complicadas para a conciliación familiar) e incluso pretende adiar até 2025 calquera posibilidade de incrementar a porcentaxe da comisión nas xornadas de tarde dos sábados. Comisións que, indica Domínguez, están suxeitas ás vendas e se dividen entre todo o cadro de persoal. Do resto de cuestións formuladas -maiormente melloras sociais- "non quere nin sequera entrar a valorar as demandas da CIG".
A mobilización continuará
Neste contexto, as traballadoras deron este domingo unha mostra da súa disposición a pelexar para conseguir unhas condicións laborais dignas e para que se respecte o seu dereito a negociar aquí as súas condicións. Por iso, xa adiantaron que proseguirán na mobilización, non descartando ningunha medida de presión se Inditex teima nas súas ridículas propostas.