Denuncian unha campaña difamatoria contra o persoal do Concello de Poio

A sección sindical da CIG reclámalle ao ‘partido veciñal’ Movemento x Poio que rectifique as acusacións “falsas e inxustificadas” contra as persoas empregadas públicas
Poio - 21 Out 2024

A sección sindical da CIG no Concello de Poio vén de emitir un comunicado expresando a súa “enérxica repulsa e condena” ás acusacións “inxustificadas e difamatorias” vertidas polo partido veciñal Movemento x Poio nas que cuestionan o labor do persoal municipal. Dende a central sindical esíxenlle á organización política unha rectificación pública, ao tempo que se reservan o dereito a emprender accións legais contra unhas afirmacións “falsas” que danan a integridade das persoas empregadas públicas.

Dende a sección sindical da CIG fan unha defensa “clara e obxectiva” en favor do persoal público que diariamente exerce as súas responsabilidades con compromiso e profesionalidade, “axustándose a un modelo de traballo que demostrou ser eficaz en moitas institucións, tanto públicas como privadas, como é o teletraballo”; e lembran que se trata dunha forma de organización laboral amparada pola lexislación vixente. 

Estas acusacións infundadas danan a imaxe das persoas traballadoras municipais 

Neste senso, sinalan que a plataforma tecnolóxica implantada no Concello de Poio para a xestión electrónica dos expedientes permite monitorizar e facer un seguimento das funcións realizadas polo persoal municipal, “o que desminte calquera insinuación de deixadez ou abuso, polo que é inaceptábel que se cuestione a integridade e o compromiso co servizo público sen probas claras e verificábeis, vertendo acusacións que danan a imaxe das persoas traballadoras”.

Por iso censuran que Movemento x Poio utilice o teletraballo como pretexto para lanzar acusacións “sen fundamento, xa que non só é irresponsábel, senón que demostra unha falta de coñecemento sobre a realidade laboral e unha vontade manifesta de manipular a opinión pública en beneficio propio”. E lamentan que este ‘partido veciñal’ insista dende hai tempo en desacreditar o traballo e a profesionalidade das persoas empregadas municipais nas súas redes sociais, “sinalándoas como ineficaces, faltas de compromiso, suxerindo presuntas irregularidades no desenvolvemento das súas funcións e incluso realizando acusacións especialmente graves como contratacións baseadas no enchufismo e no amiguismo”.

Desculpa formal

En consecuencia, e ante a gravidade das acusacións formuladas por esta organización política, dende a sección sindical da CIG no Concello de Poio esixen unha rectificación pública inmediata e unha desculpa formal ás persoas traballadoras municipais que se viron “inxustamente insultadas” por estas manifestacións, “utilizando os mesmos medios nos que se verteron todas as acusacións infundadas”.

Finalmente, reiteran o compromiso da central sindical coa defensa das persoas traballadoras municipais, “cuxo esforzo diario é fundamental para o bo funcionamento do Concello de Poio” e resérvanse o dereito a emprender accións legais contra unhas acusacións que danan a integridade das empregadas públicas. “Non permitiremos que o seu labor sexa desacreditado por ataques políticos carentes de fundamento”, rematan.