Denuncian un novo peche do parque provisional de bombeiros do Concello de Vigo por falta de efectivos
As seccións sindicais da CIG, CUT e CCOO do Concello de Vigo veñen de denunciar que novamente o parque provisional de bombeiros, situado en Coruxo, permanecerá pechado dende ás 22:00 horas do día 19 de agosto até ás 22:00 horas do 20 de agosto por falta de efectivos, o que compromete a seguridade da veciñanza ao aumertar os tempos de resposta. Lembran que “estas alarmantes circunstancias” producíranse tamén o pasado 15 de agosto dende as 22 horas dese día até as 22:00 horas do día seguinte.
As centrais veñen criticando dende hai anos a “incapacidade e falta de vontade” do Goberno local para resolver un problema “que non é unha continxencia puntual senón un sistémico colapso do servizo mantido dunha forma crónica dende os últimos 15 anos”.
Consideran que o “desleixo” e a “absoluta falta de dilixencia” á hora de abordar este problema por parte da Alcaldía e dos diferentes departamentos e cargos “ficou evidenciado nos dous anos co decreto de reforzos”. Lamentan que neste tempo se dedicaran simplemente “a ver para outro lado, dando por boa unha apenas aparente solución provisional, que alén diso conculcaba diferentes aspectos dos dereitos dos traballadores, como así foi ratificado polos tribunais”.
Segundo sinalan, o novo peche do parque constitúe un “lamentábel ataque contra o pasado, presente e futuro do servizo de bombeiros” o contra o sector publico en xeral. Ademais, estase a vulnerar lexislación específica en materia de seguridade, modificando totalmente os tempos de resposta en caso de sinistro. “A zona sur da cidade depende durante este peche do parque de Teis, e deste xeito non poderá ser garantido un tempo de resposta axeitado para chegar a unha intervención con mínimas garantías para unha positiva resolución”.
Falta de persoal
Sosteñen que non menos importante é a realidade de que se o parque de Coruxo foi pechado é porque non existen bombeiros para que a instalación poida operar con normalidade. Ademais, rebelan que o parque de Teis tamén está agora sen as dotacións completas como para abordar servizos importantes, independentemente dos maiores tempos de resposta.
Finalmente, lembran que que durante os últimos tres anos os responsábeis municipais non quixeron escoitar as propostas que os tres sindicatos puxeron enriba da mesa para a resolución deste conflito, “sendo innumerábeis as dilatacións, cancelacións, adiamentos e falta de respostas a propostas concretas”.
Por iso reclámanlle ao Concello que “entre en razón” e escoite as propostas das tres centrais ou que as persoas que ocupan cargos competentes na Administración local nesta materia dean paso a persoas “capaces e con vontade” para resolveren problemas reais da cidadanía, “como é neste caso a situación crítica do servizo de bombeiros”.