Denuncian que só 15% do persoal do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Redondela está vacinado
A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Redondela denuncia que só o 15% do persoal está vacinado, a pesar de tratarse dun colectivo profesional considerado prioritario na estratexia de inmunización. Por iso lle demandan ás Consellarías de Sanidade e de Política Social que procedan canto antes a subministrarlles as vacinas ás traballadoras/es que aínda non están protexidas/os fronte á covid.
Dende a representación sindical sinalan que menos de 10 das arredor das 50 empregadas/os do SAF redondelán, xestionado pola empresa Sacyr Social, recibiron xa algunha das doses da vacina, polo que se puxeron en contacto tanto co Concello como cos departamentos autonómicos de Sanidade e Política Social para que axilizasen o proceso co obxectivo de minimizar os posíbeis riscos para a saúde destas/os traballadoras/es.
A reivindicación do persoal do SAF de Redondela chega despois de que as súas compañeiras/os de Vigo denunciasen a comezos de mes que arredor do 90% estaba sen vacinar.
Tras remitirlles escritos ás Consellarías de Sanidade e de Política Social lograron que a Administración as citase o pasado luns para inmunizar a 70, “pero despois suspenderon o proceso e non nos volveron chamar, polo que arredor da metade das máis de 350 empregadas/os do servizo están aínda agardando”.