Denuncian que Povisa suspende as negociacións do convenio “mentres haxa protestas convocadas”
O comité de empresa do hospital Ribera Povisa de Vigo denuncia que a dirección vén de comunicar que suspende as negociacións do convenio colectivo “mentres haxa protestas convocadas”. O cadro de persoal do centro médico privado percorreu onte as rúas da cidade en manifestación e ten previstas novas mobilizacións os vindeiros días 22 e 24 de febreiro.
O anuncio de Povisa tivo lugar onte ao remate da xuntanza da mesa de negociación do convenio, pero o comité decidiu celebrar igualmente a manifestación prevista, non sen antes comunicarlle á dirección a súa disposición a suspendela se a empresa presentaba unha oferta de convenio beneficiosa para o cadro de persoal. De xeito que un nutrido grupo de traballadores/as percorreu a pé a distancia entre a Praza dos Cabalos e o centro hospitalario ao berro de “Así, así, nin un paso atrás, esta batalla ímola gañar” e “Povisa en loita, queremos negociar o noso convenio”.
Ademais, dende a representación sindical anunciaron que as mobilizacións continuarán o vindeiros días 22 (cunha concentración diante de Povisa de 14:00 a 16:30 horas) e 23 (cunha protesta ás portas da Policlínica da Gran Vía de 12:00 a 13:30 e con outra diante de Povisa de 14:00 a 16:00 horas).
Ao remate da manifestación celebrada na tarde de onte a presidenta do comité, Chus Neira, da CIG, tomou a palabra para criticar a actitude de Povisa e lembrar que os traballadores/as levan 11 anos cos salarios conxelados, ademais de padecer reducións de xornada, cambios de quenda e exceso de horas extras e complementarias.
Sen avances
O comité de Povisa decidiu convocar as mobilizacións -que comezaron o pasado xoves cunha concentración diante do hospital- porque dende que comezaron os contactos coa empresa en xaneiro do ano pasado os avances nos temas importantes (xornada e promoción interna) foron escasos.
Con todo, a subida salarial non é o tema principal das negociacións para ningunha das dúas partes. Povisa aposta incluso por deixar esta cuestión para o final e pactar antes outros aspectos, o que faría variar a súa proposta en función dos acordos aos que se chegue.