Denuncian que o Estado incumpre a normativa en seguridade e saúde laboral en centros de traballo situados en Galiza
A CIG-Administración vén de facer públicos varios requerimentos e informes da Inspección de Traballo ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social nos que se constata que o organismo estatal incumpre a normativa en materia en seguridade e saúde laboral en centros de traballo situados en Galiza “a pesar de ser o departamento encargado de velar polo cumprimento desta normativa nas empresas”.
Dende a central explican que existen dous requirimentos e dous informes da Inspección Provincial de Traballo de Vigo-Pontevedra instando á subsanación das deficiencias atopadas nas oficinas de emprego de Cangas e Ponteareas; unha advertencia da Inspección de Traballo á Dirección Provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) en Vigo-Pontevedra por non completar o documento de planificación necesario na avaliación de riscos psicosociais; e un requirimento ao FOGASA, tamén da Inspección de Traballo, instando a solucionar as deficiencias dos locais. “Todo isto derivado das denuncias presentadas pola CIG, dende o ano 2014 no caso SEPE e no 2016 no caso do FOGASA”.
Lembran que os locais das oficinas de emprego son responsabilidade da Consellería de Economía, Emprego e Industria e que o seu uso está compartido co SEPE e que organismo leva transferido á Xunta de Galiza máis de 66 millóns de euros dende o ano 2006 para a modernización de oficinas; pero, tal e como recoñece o SEPE, a Xunta usou eses cartos para outras cousas (por exemplo na Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), que leva todo o soporte informático da Xunta).
“E o SEPE, que pode decidir en que se gasta a metade deses cartos, non fixo nada cando a Xunta incumpría a normativa da subvención e transferiulle os cartos aceptando como xustificación do gasto a obriga pero non o pago da obra como debería ser”.
Dúas denuncias
Diante disto, a CIG denunciou dúas veces o caso no ano 2015 ante a ministra de Traballo e Seguridade Social para que se investigara si os fondos de modernización dos servizos públicos de emprego foran destinados ao que a súa convocatoria establecía e foran correctamente xustificados os gastos realizados pola Xunta, “pero este Ministerio nin sequera contestou”. Tamén lle solicitou ao SEPE que indicara en que gastaron os máis de 66 millóns de euros “pero tampouco obtivemos resposta”.
Este organismo fixo unha avaliación de riscos psicosociais na provincia de Pontevedra e detectou a necesidade de levar a cabo unha serie de medidas correctoras. “A pesar de que a CIG demandou varias veces facelo, a directora provincial do SEPE desentendeuse da súa obriga, polo que nos vimos obrigados/as a presentar a denuncia na Inspección de Traballo, que fixo unha advertencia ao SEPE sen que de momento a Dirección Provincial cumprira co mandado pola Inspección”.
No caso das instalacións do FOGASA en Vigo, tras denunciar nos seus servizos centrais e no Comité de Seguridade e Saúde da provincia de Pontevedra a situación do local e non recibir ningún tipo de contestación nin ser atendidas as demandas da CIG, a central tivo que presentar unha denuncia na Inspección Provincial de Traballo. “Esta Inspección, mediante requirimento ao FOGASA, recoñece que o local non reúne as condiciones necesarias para funcionar como oficina (carece de acceso para persoas con discapacidade, as dimensións son insuficientes, etc.) e insta a ese organismo a solucionar as deficiencias”.