Denuncian que o mal estado dos trens termais de Ourense pon en risco a seguridade do persoal condutor e usuario
A representación sindical de Urbanos de Ourense, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello, vén de remitirlle un escrito á Alcaldía denunciando que o mal estado dos trens termais pon en risco a seguridade tanto do persoal de condución como das persoas usuarias. En consecuencia, esixe a paralización do servizo ou a substitución inmediata dos vehículos por outros que se atopen en boas condicións.
A representación sindical de Autobuses Urbanos de Ourense, concesionaria do servizo de transporte do Concello, vén de remitirlle un escrito á Alcaldía denunciando que o mal estado dos trens termais pon en risco a seguridade tanto do persoal de condución como das persoas usuarias. En consecuencia, esixe a paralización do servizo ou a substitución inmediata dos vehículos por outros que se atopen en boas condicións.
No escrito dirixido ao alcalde o comité recolle as constantes queixas dos traballadores/as de Urbanos de Ourense que prestan servizo diariamente na liña 19 polo estado no que se atopan os trens termais e urxe unha solución urxente ás graves avarías que presentan. “É habitual que os trens queden parados a metade do traxecto, tendo que deixar a xente tirada, pero o máis grave é a pésima seguridade que ofrecen, tanto para condutores/as como para usuarios/as”.
Entre elas, sinalan o feito de que os freos non responden de forma axeitada por mor do sobrequentamento constante derivado da perda de refrixerante e a ausencia dunha suspensión acorde co número de pasaxeiros/as, “polo que van dando golpes e padecendo vibracións esaxeradas nos vagóns e na cabina”.Ademais, o habitáculo de condución é moi reducido e o asento carece de regulación, de xeito que a posición non é ergonómica.
Vehículos especiais que non pasan a ITV
Ao mesmo tempo, lembran que estes trens están “totalmente desfasados” en canto a mecánica ou sistema de freada, “e non pasan a ITV porque están homologados como vehículos especiais”.
E censuran que a pesar dos “moitos sustos” acontecidos, das baixas dos condutores/as por problemas de espolada e das numerosas queixas a empresa concesionaria fai caso omiso ás advertencias de perigo para persoal e persoas usuarias. “Ten que ocorrer unha desgraza para que se solucione dunha vez esta neglixencia contra a que tantas veces se ten protestado?”, pregúntanse.
De igual xeito, o propio alcalde negouse en dúas ocasións a atender a solicitude de xuntanza por parte da representación sindical para abordar esta problemática.
Por todo isto, reclaman a paralización inmediata do servizo de trens termais por motivos de seguridade ou a substitución urxente dos vehículos por outros que cumpran os requisitos de seguridade esixidos.