Denuncian que o contrato de continuidade é un paso máis na precarización da sanidade
O pasado 31 de xaneiro publicábase en DOG unha nova forma de nomeamento para persoal eventual de continuidade, aplicado nese momento ao colectivo de medicas/os de familia e pediatras de Atención Primaria. Este contrato foi rexeitado de forma masiva polo persoal afectado ao entender que pon en perigo a calidade da sanidade pública pola falta de continuidade na asistencia, fonda na precariedade laboral ao ter unha xornada flexíbel do 40% e ao abrir a porta á creación de prazas estruturais de médica/o e pediatra de área nestas condicións ofertadas por OPE.
Segundo denuncian dende a CIG-Saúde, seis meses despois, “e pola porta de atrás”, os sindicatos asinantes e Administración acordaron a extensión deste contrato ao colectivo de enfermaría, “producindo malestar entre o persoal, xa que vemos como perpetúa a precariedade e a dispoñibilidade permanente das traballadoras/es para o Sergas”.
A escusa de falta de persoal está a ser a coartada perfecta para empeorar as condicións de traballo
Denuncian que a escusa da falta de persoal está a ser a coartada perfecta para empeorar as condicións de traballo, “sendo estas condicións as que expulsaron a centos de sanitarios doutros servizos de saúde e incluso a emigrar a outros países en busca dun traballo digno”.
Xa que, entre outras cousas, este contrato incrementa a dispoñibilidade horaria e xeográfica; non asegura as libranzas ao prestar servizo en distintas unidades no mesmo mes; supón non ter coñecemento dunha carteleira mensual nin dos lugares de traballo; posibilita que se cubran os PAC con contratos de garda e non con contratos de xornada ordinaria, aforrándose as retribucións de nocturnidade e festividade; e crea futuras prazas estábeis (interinidades e OPE) coas condicións de traballo deste nomeamento.
Protesta no Sergas
Polo tanto, as traballadoras/es afectados rexeitan un nomeamento “que perpetúa a precariedade laboral do persoal, empeora a calidade asistencial das nosas/es doentes e precariza aínda máis as condicións de traballo”. Diante disto, esixen a retirada deste vínculo para todas as categorías afectadas e a creación de prazas estábeis con convocatorias de OPE que cubran todas as prazas, rematando coas taxas de reposición.
Estas foron precisamente as principais reivindicacións que trasladaron durante a mobilización desenvolvida este mediodía polo colectivo de enfermaría diante da delegación do Sergas en Vigo, onde despregaron unha faixa rexeitando “os contratos infernais” e berraron consignas en defensa dunha atención sanitaria de calidade e dunhas condicións de traballo dignas.