O centro de saúde de Arcade, a piques de colapsar por falta de persoal
A federación de Saúde da CIG de Pontevedra vén de denunciar que o centro de saúde de Arcade está a piques de colapsar por falta de cobertura de persoal “a pesar de que a Xerencia se comprometeu no seu día a cubrir todas as ausencias”.
Dende a CIG-Saúde sinalan que o Sergas non está a cubrir as baixas de enfermaría, mentres que de persoal médico “ou non se cobren ou se fai por tramos horarios”. Como consecuencia, aseguran que a calidade asistencial non está garantida “porque unha profesional non pode atender a 50 ou máis pacientes nunha xornada”. Entenden que as profesionais non poden soportar esta carga de traballo nin física nin emocionalmente.
Finalmente, critican que Arcade se seme así a unha longa lista de centros sanitarios da área sanitaria de Pontevedra que están ao borde do colapso. “Se non o está xa, porque algúns levan tempo, como no caso de Anafáns, con listas de agarda que, nalgúns casos, chegan ao mes, segundo denuncian os veciños e veciñas”.