Denuncian que Ibermutua mandou para casa a un operario ferido ao que probas posteriores lle detectaron varias fracturas
A FGAMT-CIG de Pontevedra denunciou hoxe publicamente os “abusos” e o “trato vexatorio” das mutuas privadas coas persoas traballadoras, tras ter coñecemento dun novo caso de mala praxe cun operario dun matadoiro de Bandeira (Silleda) que resultou ferido nun accidente laboral. Nesta ocasión foi Ibermutua a que o mandou para casa tras unicamente subministrarlle medicación para a dor, pero mas probas posteriores realizadas no hospital de Santiago detectáronlle varias fracturas na zona costal. En consecuencia, a CIG estuda iniciar accións xudiciais e presentar denuncia diante da inspección de servizos sanitarios do Sergas.
Segundo explica Xavier Aboi, o pasado 4 de maio un traballador do matadoiro silledense foi embestido por unha vaca durante o traslado do animal, sendo atendido nun primeiro momento na clínica de Ibermutua en Santiago. “Dinlle que ten unha simple contusión e mándano para casa unicamente con medicación para a dor”. Pero ao día seguinte o afectado, que non aturaba a dor, decide presentarse non seu centro de saúde, dende onde o derivan de xeito inmediato en ambulancia a un hospital santiagués.
O que era unha simple contusión pasou a ser fracturas con desprazamento do oitavo e noveno arco costal
Tras realizarlle probas pormenorizadas “o que era unha simple contusión” pasa a ser “fracturas con desprazamento do oitavo e noveno arco costal e traumatismo costal, entre outras lesións”. Aboi lembra que non é a primeira vez que acontece algo así neste sector e con esta mutua, sen ir máis lonxe a finais do ano pasado tivo lugar un suceso similar co mesmo resultado para o traballador afectado.
“Neste caso foi Ibermutua, pero podía ser calquera outra porque o que fan é negocio coa saúde das persoas, para o que dan altas prematuras ou negan que sexan accidentes laborais para aforrar custes e que sexa a Seguridade Social a que asuma os gastos do tratamento e da recuperación”.
Conivencia co Sergas
O responsábel sindical censura tamén que a estratexia destas entidades privadas sexa “botar balóns fóra” cando as persoas afectadas optan por desprazarse a urxencias para que os atendan. “Xustifícanse dicindo que os hospitais teñen mellor equipamento, pero o que non queren é renunciar ao negocio a pesar de que non están capacitados para dar unha atención axeitada”.
En consecuencia, a asesoría xurídica da CIG está a estudar iniciar accións xudiciais, mentres que a FGAMT-CIG baralla presentar denuncia diante da inspección de servizos sanitarios do Sergas, “aínda que non agardamos nada deste organismo, tendo en conta a conivencia que existe coas direccións das mutuas”, remata Aboi.