Denuncian que concesionaria do bus urbano de Ourense rexeita negociar ao tempo que pide a mediación do AGA
A representación da CIG en Urbanos de Ourense, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Ourense, denuncia que a dirección continúa negándose a negociar esgrimindo distintas escusas, ao tempo que hoxe vén de anunciar que solicitará a mediación do AGA. Ademais, alertan de que a compañía do grupo Avanza está a botar man de vehículos que presentan deficiencias dende hai anos, até o punto de que algún xa foi inmobilizado e multado pola Policía local.
A nula vontade negociadora da empresa evidénciase coas distintas escusas que está a esgrimir para non manter unha xuntanza co comité que poña fin á folga indefinida contra a precarización laboral e por un convenio digno, xa que primeiro asegurou que non o faría mentres estivese a folga convocada -afirmación que fixo incluso antes de iniciarse o paro indefinido- e agora di que non se reunirá coa representación sindical mentres non cesen as supostas sabotaxes que estarían a sufrir algúns vehículos.
Deste xeito, o encontro entre as partes que o alcalde anunciara para mañá non se celebrará finalmente. “É algo que xa tiñamos claro, porque o xerente da compañía leva días insistindo en que non vai haber reunión mentres a folga siga convocada”, sinalan dende a CIG. O propio presidente do comité trasladoulle á empresa que non teñen nada que ver cos supostos danos que estarían a padecer os autobuses.
O que si está claro é que, tal e como alertan dende a representación da CIG, Urbanos de Ourense está a botar man de vehículos de até dúas décadas de antigüidade que presentan deficiencias dende hai anos, tal e como ten denunciado o comité e os delegados/as de Saúde Laboral en numerosas ocasións. Sen ir máis lonxe, onte mesmo a Policía local procedeu a inmobilizar e multar a unha furgoneta en servizos mínimos que circulaba coa ITV caducada.
Queremos trasladar as nosas desculpas polas molestias que o conflito pode estar a causar entre as persoas usuarias
Ademais, o comité de folga retirou onte e hoxe coa colaboración da Policía un autobús que presentaba unha rotura parcial no parabrisas. “O vehículo leva así varios anos, xa que é tan antigo que xa non existe reposto”, aseguran.
Finalmente, apelan á comprensión da veciñanza e lembran que o conflito laboral iniciouse pola intención da empresa de precarizar as súas condicións de traballo e continúa pola falta de vontade negociadora e pola incompetencia do Goberno local, que é o responsábel último do servizo de transporte urbano.
“Queremos trasladar publicamente as nosas desculpas polas molestias que a situación pode estar a causar entre as persoas usuarias e agardamos unha rápida solución ao conflito e que o servizo poida volver á normalidade canto antes”.