Denuncian que a Policía española quere prescindir do persoal non policial que tramita documentación
A CIG-Administración vén de denunciar que a Dirección Xeral da Policía española pretende desfacerse do persoal non policial encargado da tramitación de DI, Pasaportes e documentación de persoas estranxeiras. Dende a central sindical advirten que a actual xestión dos recursos humanos está a xerar presión sobre estes/as traballadores/as públicos/as.
A federación de Administración Pública da CIG critica que a Dirección Xeral da Policía deixou sen cubrir o 86 % dos postos vacantes na provincia de Pontevedra, o 81 % na Coruña e o 75% na provincia de Lugo, mentres que no caso da provincia de Ourense non facilita datos. “En cambio, o que fan é poñer persoal policial a expedir documentación”.
Diante disto, a central sindical solicitou que se lle proporcionen os datos de canto persoal policial está nas unidades de expedición de documentación e en que comisarías. “Mais o Ministerio do Interior négase a facilitar esta información”.
Ao mesmo tempo, sinala que as retribucións do persoal policial son moi superiores ás do persoal dos Corpos Xerais, “polo que se está encarecendo considerabelmente o custo deste servizo público”.