Denuncian que a plataforma do 112 retrasou a saída de medios aéreos no naufraxio do Nuevo Marcos
A Asemblea de Traballadores/as do 112-Galiza, a Asociación Galega de Técnicos/as en Emerxencias Sanitarias, a Asociación de Técnicos/as de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galiza, a Mesa Intersindical de Bombeiros e a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galiza veñen de emitir un manifesto conxunto no que aseguran que a falta dun mapa de recursos de intervención actualizado impediu mobilizar os medios de resposta acuática máis próximos na traxedia do Nuevo Marcos e que a plataforma tecnolóxica do 112 bloqueou a chamada de alerta retrasando en arredor de dez minutos a saída de medios aéreos.
MANIFESTO POR UNS SERVIZOS DE EMERXENCIAS
QUE NON ARRISQUEN A VIDA DAS PERSOAS
Este 9 de maio cúmprese un ano do incendio que calcinou as instalacións de Fandicosta, a traxedia que sacou á luz graves carencias na organización e xestión diaria das emerxencias no noso país. Aquel episodio é importante porque resume todos os problemas que levamos anos denunciando. De aí que hoxe, neste aniversario, decidamos facer público este comunicado.
Algunha desas decisións erradas foi mobilizar os bombeiros de Ribadumia antes que os de Vigo, que eran os máis próximos á factoría de Moaña.
A caótica situación que se viviu durante o incendio da nave de Fandicosta provocou non só importantes danos económicos e en infraestrutura industrial, senón tamén unha situación de alarma social que se estendeu por toda a ría de Vigo. O problema non se limita a un incendio, que se produce de maneira accidental, senón que envolve a xestión enteira da emerxencia, que se viu en todo momento entorpecida por decisións da Xunta de Galicia. Algunhas desas decisións erradas tomáronse naquel momento, como foi mobilizar os bombeiros de Ribadumia antes que os de Vigo, que eran os máis próximos á factoría de Moaña.
Sen embargo, sen restar importancia a esta cuestión puntual, o verdadeiro problema parte das decisións estratéxicas que a Xunta vén tomando en materia de emerxencias desde hai anos. O feito de que non exista un mapa de equipos de intervención actualizado, a consecuente arbitrariedade na cobertura xeográfica destes recursos, o alarmante desequilibrio territorial na protección da cidadanía ante as emerxencias, e a falta de verdadeiros criterios técnicos, en lugar de puramente partidistas, na mobilización de medios, configura un panorama abonado para a traxedia, que funciona a base da improvisación constante e favorece que se cometan neglixencias unha e outra vez.
Á hora de mobilizar o helicóptero de resgate Pesca-II, a plataforma tecnolóxica bloqueou a chamada de alerta, retrasando arredor de dez minutos a saída dos medios aéreos
A desfeita de Fandicosta non é ningún feito illado. O pasado 26 de abril, estes mesmos elementos volveron manifestarse na maior traxedia dos últimos anos na nosa costa, o naufraxio do pesqueiro Nuevo Marcos no que perderon a vida tres mariñeiros. De novo, os medios de resposta acuática máis próximos, que poderían apoiar a Salvamento Marítimo, eran os dos bombeiros de Pontevedra, que en ningún momento foron mobilizados, xa que o organismo que os debería ter alertado, o 112, descoñecía que este parque contase con este tipo de recursos — o que demostra, da maneira máis dolorosa, o significado práctico de carecer dun mapa de recursos, igual que en Fandicosta. Aínda máis, o colapso que o persoal do 112 vén denunciando evidenciouse no feito de que, á hora de mobilizar outro recurso esencial para aqueles mariñeiros (o helicóptero de resgate Pesca-I), a plataforma tecnolóxica bloqueou a chamada de alerta, retrasando arredor de dez minutos a saída dos medios aéreos. Un retardo inasumible que ten uns responsables directos ben identificables.
Se a situación xa era de seu alarmante, o traslado do Centro de Atención de Emerxencias 112 está a estender o colapso a outros organismos: urxencias sanitarias, parques de bombeiros, dispositivos de resgate e salvamento, forzas de seguridade, protección civil, etc., tal como denunciamos o día 22 de abril, nunha roda de prensa que a Xunta de Galicia decidiu ignorar.
A toda esta temeraria falta de xestión hai que sumar aínda outro elemento, normalmente ocultado, pero que está no cerne de toda a problemática: a primacía dos intereses económicos e de empresas amigas sobre o interese público da salvagarda da poboación, que se traduce na privatización sistemática dos medios de urxencias e emerxencias e na consecuente precarización das condicións tanto dos traballadores e traballadoras como dos propios servizos privatizados.
Todo isto reforza aínda máis a temeridade da Xunta, que teima en entregar a entidades con ánimo de lucro a protección e coidado dunha poboación envellecida, xeograficamente dispersa e continuamente exposta a episodios que requiren a intervención dos mesmos organismos que están a pór en perigo.
Facer negocio coas emerxencias implica pór en perigo a vida das persoas
A solución a todo este panorama pasa, necesariamente, por resgatar o carácter público dos medios de emerxencias, para que, a través da xestión directa e dun mapa de recursos racional e equilibrado se poidan, dunha vez, optimizar os tempos de resposta e conseguir, por fin, a necesaria integración funcional que, desde logo, vai máis alá de facer un edificio e poñer a placa de “centro integrado”. Mentres a Xunta continúe a facer deixación das súas responsabilidades e se empeñe en colocar os intereses empresariais por riba de todo, a situación só pode ir a peor. Facer negocio coas emerxencias implica pór en perigo a vida das persoas, e cada día que pasa a situación tórnase máis incontrolable.
Por todo isto, os organismos asinantes estamos decididos a dar pasos para responder, de maneira conxunta, a esta crise creada de maneira artificial polo Partido Popular.
Asinan:
Asemblea de Traballadoras e Traballadores do 112-Galiza
Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (ASGATE)
Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TES Galicia)
Mesa Intersindical de Bombeiros (MIB)
Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia (PBPG)