Denuncian que a nova escola infantil do Consorcio na Guarda vai ser de xestión privada
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a nova escola infantil da Guarda, construída polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, vai ser de xestión privada, xa que o organismo dependente da Consellaría de Política Social vén de sacar a licitación os servizos de atención educativa.
Dende a CIG-Autonómica lembran que o Concello da Guarda asinou un convenio de colaboración con Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en xuño de 2020, para a construción dunha escola infantil de 0 a 3 anos de tres unidades (41 prazas).
Está previsto que este centro educativo comece a súa actividade o vindeiro mes de setembro, co inicio do curso 2022/2023. “Até o de agora nunca se puxera en dúbida que a xestión fose a ser directa, con persoal propio, pero ás agachadas o Consorcio publicou no seu web o pasado 26 de abril a licitación do servizo de atención educativa, que non é nin máis nin menos que a xestión privada dun centro construído con fondos públicos no espazo publico municipal que son as antigas instalacións do comedor e vivenda do profesorado dun colexio público”.
Ao mesmo tempo, critican que a empresa á que se lle adxudique a xestión non terá que investir capital nin infraestrutura, ademais de garantírselle unha cifra de negocio e de beneficio sen ningunha exposición ao risco empresarial. “Será chegar e encher, obter beneficios a costa dun servizo publico subvencionado”.
E fan fincapé en que o Consorcio ten unha estrutura organizativa que, ademais de xestionar os chamamentos para a selección do persoal, tamén centraliza as compras de material, elabora os criterios educativos, fai o control dos menús máis saudábeis, etc.
“Para a CIG a única garantía de calidade de servizo e de emprego digno é a xestión directa dos servizos, integramente públicos, dende a atención educativa até a limpeza e os comedores, polo que esiximos a suspensión desta licitación e que se dote de inmediato esta escola infantil con persoal propio”.