Denuncian que a Autoridade Portuaria de Vigo pretende deixar fóra da negociación o representante da CIG
A representación da CIG na Autoridade Portuaria de Vigo (APV) denuncia que o organismo estatal pretende deixar o seu representante fóra da negociación do acordo de empresa e das propostas de desenvolvemento e produtividade de 2020 e 2021, no que considera un paso máis da campaña interna contra a central sindical.
Dende a CIG-APV explican que o pasado 23 de novembro a Comisión Local de Xestión por Competencias (CLXC) acordaba a data de negociación do acordo de empresa para a segunda semana de xaneiro. “Tras sete semanas sen novas da xuntanza acordada, a APV convoca reunión para negociar as propostas de desenvolvemento e produtividade dos exercicios 2020 e 2021, xunto co Acordo de Empresa, para o día 6 de marzo”.
Mais como o membro nomeado pola CIG na CLXC ía atoparse fóra ese o día, 28 de febreiro solicita o aprazamento da xuntanza. “A resposta da empresa a este aprazamento é negativa, a pesar de ter sido feita en tempo e forma, polo que a APV deixa fóra da negociación o representante da central sindical nas comisións local e estatal de competencias”.
Dende a central sindical censuran que tras oito semanas de atraso inxustificado por parte da APV “agora din que non poden agardar 72 horas polo representante da CIG”. Por iso consideran que se trata dun paso máis na campaña interna contra a central sindical. “Xa son moitos os ataques contra a CIG por parte da dirección do organismo estatal, e xa foron varias as solicitudes ao seu presidente para que cese de inmediato esta conduta; reclamacións que, polo que se pode ver, non foron ben xestionadas”.
Ataque a todo o persoal
Finalmente, fan fincapé en que o grave do acontecido non é que sexa un ataque aos representantes da CIG, “xa que pola importancia dos temas a tratar é un ataque a todos/as os traballadores/as da APV, que teñen o dereito a seren representados/as por delegados/as electos/as que levan tempo intentando mellorar as condicións laborais do 100% do persoal e loitando polo cumprimento do III convenio colectivo”.
Con todo, e a pesar das dificultades, dende a representación da CIG na APV adiantan que seguirán a loitar polos dereitos de todos os empregados/as do organismo estatal “ e non imos permitir que se pacten acordos que empeoren os actuais”.