Denuncian acoso sindical en Transportes Montes Orozco de Pontevedra
A CIG denunciou hoxe publicamente o acoso e a persecución que está a padecer o seu representante na compañía Transportes Montes Orozco de Pontevedra, polo que está a estudar a presentación dunha demanda penal por vulneración do dereito de liberdade sindical. Nas últimas eleccións a empresa, que xa o ameazara no anterior proceso para que non concorrese pola CIG, presentou a filla do xefe por CCOO e manobrou par evitar que saíse reelixido como delegado de persoal, ademais de abrirlle un expediente sancionador.
O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, compareceu hoxe en rolda de prensa co propio afectado e a axente sindical Cecilia Tarela para explicar os detalles do caso. Conde explicou que o acoso comezou no anterior proceso electoral para impedir que o traballador, que xa era delegado sindical, concorrese de novo baixo as siglas da CIG. “Dicíalle que se presentara por calquera outro sindicato, pero non fixo caso das presións e volveu gañar as eleccións”, indica.
Pero en xuño deste ano iniciou un novo proceso electoral, ao que se presenta a filla do propietario da empresa por CCOO. As votacións foron os días 5 e 8 de xullo para permitir que os 21 condutores/as puidesen participar. “Pero eses días, diante nosa, cambiaron as ordes de traballo dos choferes, que tamén reciben ameazas continuamente para que non voten pola CIG, co obxectivo de impedir que estivesen presentes nos horarios establecidos para votar”, sostén.
En consecuencia, só puideron participar os 6 empregados/as das oficinas, resultando elixida como delegada de persoal a candidata da empresa, que traballa neste departamento. Diante disto, a CIG decidiu impugnar o proceso, logrando que o laudo arbitral lle dese a razón e ordenase repetir as votacións e facilitar que todo o persoal poida votar.
“Puxémonos en contacto coa dirección para comunicarlle o laudo e para dicirlles que había que establecer o xeito en que se ía desenvolver o novo proceso, pero a día de hoxe aínda non contestaron”. O que si fixo a empresa foi abrirlle un expediente sancionador por supostamente ter incumprido unha orde de traballo.
Expediente sancionador
“O que fixeron, curiosamente ao día seguinte de coñecerse o laudo, foi dicirlle que a súa xornada semanal remataría o sábado en Portugal e que dende alí volvería para Pontevedra en vehículo particular; pero tras máis de 15 horas traballando e con 700 quilómetros percorridos ese día, cámbianlle a orde e dinlle que ten que ir para Toro, ao que se nega alegando que xa cumprira a súa xornada laboral e que sería imposíbel facer a viaxe sen descansar”.
Para o secretario comarcal da CIG-Pontevedra está moi claro esta orde de traballo fai parte da estratexia de acoso sindical que a dirección está a levar a cabo contra o traballador, polo que a CIG xa recorreu o expediente sancionador e estuda presentar denuncia na Fiscalía por vulneración do dereito de liberdade sindical.