Denuncian persecución sindical ás centrais que non asinaron o acordo da xustiza
Representantes sindicais da CIG, CUT e STAJ na xustiza terán que declarar diante da Fiscalía de Pontevedra e do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña en calidade de investigados/as por un presunto delito de coaccións durante a recente folga no sector. Os afectados/as consideran que se trata dunha “persecución” contra as únicas centrais “que non obedeceron a patronal, neste caso a Xunta, negándose a asinar un mal acordo que foi pactado por detrás e que a maioría dos traballadores/as rexeitaron”.
Responsábeis dos tres sindicatos compareceron hoxe diante dos medios de comunicación xunto a representantes do BNG e de En Marea nunha rolda de prensa celebrada en Vigo para denunciar que esta campaña represiva responde a unha decisión política que busca “penalizar a aquelas organizacións que defenden os dereitos dos traballadores/as e mandar un aviso ao resto de empregados/as do sector público para que o pensen dúas veces á hora de reivindicar melloras laborais”.
Neste senso, consideran que a Xunta pretende atacar un tipo de sindicalismo “reivindicativo e rebelde” fronte a outro “dócil e domesticado, que é o que prefire o PP”. Acusan o Executivo de Feijóo de prolongar o conflito de xeito premeditado “porque non buscaban un acordo, senón derrotar este sindicalismo”.
Agora, “apoiándose nun sindicato amigo, SPJ-USO, o que queren é que a folga quede como un mal recordo”. Consideran que á Xunta non lle vale só con asinar “un acordo por detrás, un acordo malo, tanto que foi rexeitado pola maioría en votación”, senón que o que pretende é amedrentar os demais sindicatos “e os compañeiros/as máis activos/as nesta loita”. Están convencidos/as de que non é unha casualidade, “porque o propio vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que houbera intimidación e tiña que haber denuncias”.
Vaga represiva
Como consecuencia desta vaga represiva, tres representantes sindicais terán que declarar diante da Fiscalía de Pontevedra o vindeiro martes 26 ás 10:30 horas como consecuencia da denuncia presentada no Tribunal superior de Xustiza de Galiza (TSXG) por un delegado do sindicato SPJ-USO en Ourense por supostas coaccións o día da votación do acordo entre a Xunta e os sindicatos CCOO, UGT, SPJ-USO e CSIF.
O Tribunal remitiulle á Fiscalía de Vigo e de Pontevedra a denuncia, abrindo esta última dilixencias contra o tres. Ademais, confirmaron que en Vigo tamén hai abertas dilixencias de investigación, mais descoñecen en que situación están ante a falta de información da Fiscalía. Ao meso tempo, outro representante sindical xa foi sancionado cunha multa administrativa por supostamente participar “no que entenden un escrache a Feijóo en Santiago a pesar de que non existiu nada diso”.
No caso da Coruña, explicaron que a denuncia tivo a súa orixe na queixa presentada por unha funcionaria diante do TSXG despois de que un piquete informativo falase con ela- O Tribunal trasladoulla á Dirección Xeral de Xustiza, que abriu un expediente disciplinar que quedou suspendido porque tamén o Xulgado de Instrución abriu dilixencias previas por coaccións. Os sindicalistas afectados nesta ocasión son dous e están chamados a declarar o 4 de xullo.
Denuncias dos sindicatos
As tres centrais teñen claro que se trata de represión sindical, e que se utiliza a 'Lei Mordaza' para atacar e desmontar as reivindicacións dos traballadores/as. Lembran que a folga “foi exemplar”, cun seguimento de entre o 80 e o 95% durante os primeiros dous meses. “Fomos un exemplo para outras Administracións, porque en días seguintes abriron mesas de negociación no ensino e na sanidade”.
Así mesmo, sinalan que esta persecución penal e administrativa que agora padecen responde a que o Goberno negouse a asumir o mandato dos traballadores/as, “que rexeitaron o acordo votando libremente”. Insistiron en que as súas reivindicacións pasaban por rematar coa discriminación do persoal galego respecto ao resto do Estado” e por conseguir melloras no sector, como crear 106 prazas para consolidar postos en interinidade.
Xosé Barreiro, de CIG, engadiu que a represión sindical por parte da Xunta “é moi clara, porque hai medios suficientes para non ter que chegar a este punto”, ao tempo que advertiu que “a vía penal pode funcionar nos dous sentidos, está aberta para todos”. Barreiro lanzou un 'aviso a navegantes', “porque se cadra acaba indo a declarar algún xefe/a de servizo ou o director xeral, e algún sae máis mal parado do que pensa”. Aclarou que non se trata de ningunha ameaza, “pero que saiban que a este xogo podemos xogar todos/as”.
Asegurou que este tipo de persecucións “non se poden facer”, “como tampouco se pode facer filtración de nóminas e dietas ou abrir expedientes disciplinares porque lles dá a gana”. Finalmente, avanzou que probabelmente inicien accións penais “para ir contra os posíbeis responsábeis da Administración”.